Persoal sanitario do Sergas concéntrase para exixir á Xunta que "garde o aplauso" e poña fin á "precariedade"

Imaxe de arquivo dunha protesta da comunidade sanitaria antes da pandemia. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Ducias de traballadoras e traballadores pediron ao titular da Consellaría de Sanidade, Julio García Comesaña, que "garde o seu aplauso" e mellore as condicións laborais. Nesta mesma xornada, o responsábel do departamento explicou que van facer dúas revisións semanais da desescalada das medidas fronte á Covid-19.

Médicas e médicos do Sergas realizaron esta quinta feira concentracións para exixir á Consellaría de Sanidade que impulse melloras tanto na calidade asistencial á poboación galega como nas condicións laborais do persoal sanitario para que estas sexan “dignas”.

Ducias de especialistas citáronse, por exemplo ás portas do Hospital Lucus Augusti (HULA) para solicitar que acabe “a precariedade laboral” no sistema galego de saúde. Pediuse ben alto “unha sanidade pública forte e robusta, que procure ante todo a calidade asistencial”.

“Garde o aplauso señor conselleiro e mellore as condicións laborais das e dos traballadores da saúde. Esa sería a mellor recompensa e, sen dúbida, a mellor terapia psicolóxica que pode fornecer”, clamaron nunha mensaxe ao conselleiro Julio García Comesaña.

No manifesto ao que se deu lectura non deixaron pasar o momento para subliñar que levan “anos traballando ao límite” e que tivo que ser a pandemia a que o deixara “ao descuberto”.

Ademais, lamentaron que a crise sanitaria supuxera un prezo “incalculábel” para a comunidade asistencial, pois houbo xa “80 compañeiros falecidos por falta” de equipos de protección individual e “máis de 100.000 sanitarios contaxiados” en todo o Estado español.

Por iso, incidiron en que non precisan “aplausos” das administracións públicas senón un compromiso para mellorar as súas condicións de traballo coa consolidación das prazas eventuais, por indicar só unha das ideas.

Entenden que sería unha solución parcial para “evitar a masificación das consultas, axilizar as listaxes de agarda e contratar ao persoal sanitario” que se precisa a maiores.

O conselleiro anuncia "dous cortes semanais"

En paralelo a estas reivindicacións, García Comesaña facía declaracións sobre a estrutura da "desescalada" que comeza mañá nunha visita á planta do grupo Zendal que está a fabricar na Galiza a vacina contra a Covid-19.

O representante da Xunta explicou que haberá "dous cortes semanais", é dicir, que se revisarán as condicións dos concellos dúas veces á semana porque a incidencia do coronavirus "vai cambiando día a día". Polo tanto as restricións poderían ir mudando ao longo das próximas semanas e non manterse coa "foto fixa" anunciada na terza feira.

"É momento de ser prudentes. Preferimos pecar de exceso de prudencia, que non pola contra", resumiu, asegurando que se vai operar con maior "anticipación".