O persoal sanitario culpa a Xerencia da área de Pontevedra dos surtos nos hospitais

Un camión do Sergas, en Montecelo (Imaxe: Europa Press)

Os sindicatos CIG, CCOO, CESM Galicia, CO-BAS, Prosagap, UXT, TSP, Satse e Omega responsabilizaron a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra dos surtos da covid-19 detectados en diversos servizos dos hospitais da zona, como o de Oncoloxía.

Nun comunicado remitido aos medios, as organizacións consideran "un insulto, unha falacia e unha covardía" que os responsábeis deses departamentos traten de se "esconder" detrás do que cualifican de "realidade esmagadora" cando acusan os profesionais de ser os que introducen o virus nos hospitais após contaxiarse en ámbitos familiares.

Neste sentido, acusan á Dirección Asistencial e a Xerencia de ter un "descoñecemento absoluto" respecto da Lei de Prevención de Riscos Laborais xa que, segundo denuncian, os protocolos "non chegan de maneira adecuada aos traballadores por falta de información". "Non basta só con dicir que os protocolos están na web do Complexo", sinalan para considerar que se debe instruír os traballadores

Ademais, avogan por modificar estes protocolos para que se adapten á realidade da súa estrutura e funcionamento, e lembran que a obrigación da vixilancia do cumprimento destes, conforme á Lei de Prevención de Riscos Laborais, compete ao empresario que neste
caso é o Servizo Galego de Saúde (Sergas), isto é, á Consellaría de Sanidade.

Respecto diso, reiteran a necesidade de contar cos equipos de protección individual necesarios para poder traballar cuns mínimos de seguridade. Tamén esixen que se adecuen os sistemas de ventilación mecánica ás recomendacións do Ministerio de Sanidade e que nos centros onde a renovación do aire se produza por ventilación natural se implementen medidas que garantan a renovación efectiva do aire.

Así mesmo, os sindicatos denuncian a falta de control no acceso aos hospitais en canto ao uso de máscaras, limpeza de mans e toma de temperatura ás persoas que entran, "cando noutros estabelecementos non sanitarios son medidas que levan a cabo con rigor".

E é que, segundo advirten, coa situación actual de transmisión comunitaria calquera persona que entra ou sae do Hospital pode levar o virus. Por iso, avisan de que "se isto non se controla os brotes van continuar dentro do Hospital de maneira repetida".