O persoal sanitario alerta dun novo desmantelamento nos hospitais públicos este verán

Saturación nun hospital de Vigo este ano

Sanidade considera “necesario” o fechamento de centos de camas e asegura que haberá capacidade para atender a demanda. O Valedor relaciona a saturación coa falta de recursos.


O Sergas fechará máis dun millar de camas nos hospitais públicos galegos este verán, como fixera en anteriores anos. O sindicato Sanitarios Galegos Públicos manifestou o “desacordo total” do persoal coa medida, que considerou parte da “política de desmantelamento” da rede de hospitais públicos por parte da Xunta. 

Cualifican as razóns expostas pola Consellaría de Sanidade de desculpas “case insultantes” e “totalmente insostíbeis”. A titular do ramo, Rocio Mosquera, defendeu a decisión como “necesaria” polas vacacións do persoal, por obras de mantemento e polo previsible descenso asistencial, e asegurou que serán suficientes para cubrir a demanda. 

“As obras de mantemento sospeitosamente fanse verán tras verán nas mesmas habitacións”, denuncia o sindicato sanitario. Pide a Mosquera que ante a baixada de doentes que anuncia “nin un só sexa derivado a un centro privado” durante este período estival.

“O fechamento de camas e servizos enteiros supón unha garantía de atasco das listas de espera e a sobrecarga do persoal e das urxencias”. Advirten dun novo deterioro da calidade asistencial. En Vigo, segundo denuncia o persoal, máis de 25.000 persoas agardan por unha cirurxía.

O Valedor relaciona saturación con recortes

Outro dos puntos máis criticados nos últimos meses foi a saturación que sofren os servizos de Urxencias dos hospitais galegos. O Valedor do Pobo manifestou ao Parlamento Galego que os recursos actuais son “insuficientes” o que provoca a saturación. “Hai un problema estrutural, hai moitas doentes que pola mala organización do sistema acoden a Urxencias”, asegurou José Julio Fernández.