Case 3.500 traballadoras do persoal sanitario contaxiáronse por coronavirus

(Europa Press)
Representa 12% das persoas infectadas por Covid-19 en todo o Estado. 

O persoal sanitario é o que está en primeira liña na loita contra o coronavirus, nunha batalla na que moitas veces carecen do material necesario e á que dedican compromiso, esforzo e moitas horas de traballo, sobrepasando a xornada laboral. 

Hai 3.471 profesionais do persoal médico que están infectados polo coronavirus en todo o Estado español, segundo anunciou este domingo o propio Ministerio de Sanidade. Unha cifra que supón 12% do total de persoas que teñen Covid-19. 

“É un problema importante. Sabemos que son o grupo poboacional de máis risco, é obvio e hai que asumilo”, manifestou Fernando Simón, directordo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias.

Os datos ofrecidos este domingo polo Ministerio de Sanidade cifran en 28.572 os casos de coronavirus rexistrados no Estado español, que son 3.500 máis que no día anterior, un aumento de 14%. Hai 1.720 mortos e o número de altas supera as 2.500.

O territorio máis afectado pola pandemia continúa a ser Madrid, con 9.702 casos, 1.021 falecidas (60% do total) e 834 doentes en UCI (47% do total). A moita distancia síguenlle Catalunya (4.704 casos confirmados e 191 falecementos) e Castela-A Mancha (1.819 casos e 112 mortas).