Persoal de Pneumoloxía do Hospital de Montecelo, illado após o positivo dun paciente ingresado

Persoal sanitario prepárase para o seu labor asistencial (Europa Press).
Fontes sanitarias informan, ademais, da detección de dous novos focos de coronavirus na área de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras con sete positivos en illamento domiciliario.

O positivo por coronavirus detectado nun paciente ingresado no Hospital Montecelo, en Pontevedra, obrigou a dirección do centro a illar o persoal sanitario que mantivo contacto co doente, concretamente na zona de Pneumoloxía.

Segundo informan fontes sanitarias, o afectado contaba cunha PCR negativa, mais durante o seu ingreso un novo control ofreceu un resultado positivo. Nestes momentos, o paciente continúa ingresado mentres que o colectivo profesional que o atendeu cumpre co protocolo deseñado pola xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés para casos coma este, que requiren unha intervención coordinada desde o punto de vista clínico e epidemiolóxico.

De momento, non se deu a cifra concreta de persoal en seguimento á espera de novos resultados, pero todas as probas practicadas até o de agora, sinalan as mesmas fontes, deron negativas.

Detectados dous novos focos en Ourense

Doutra banda, fontes sanitarias comunicaron tamén a detección de dous novos focos de afectados polo coronavirus.

Trataríase dun caso importado nun mesmo núcleo familiar, no Carballiño, no que deron positivo unha muller de 42 anos, dous mozos de 22 e 28 e unha rapaza de 16 anos de idade, todos residentes no municipio. Permanecen illados con seguimento domiciliario, e xa se iniciou o protocolo de estudo para analizar os seus contactos estreitos co fin de realizarlles as probas diagnósticas correspondentes.

O segundo foco detectado non está adscrito a unha área determinada, sinalan. Afecta a tres mulleres de entre 35 e 48 anos pertencentes ao mesmo núcleo familiar, todas en illamento domiciliario.

A área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco deu a coñecer este sábado os datos actualizados de epidemioloxía, que conta con tres ingresos e 75 casos en seguimento domiciliario, nos que xa se inclúen os positivos destes novos gromos localizados.