Persoal médico protesta perante o Parlamento polo colapso da Atención Primaria

Un momento da concentración

O sindicato de médicos O’mega vén de concentrarse esta terza feira 11 de decembro perante o Parlamento de Galiza contra os recortes e a falla de recursos sanitarios e o consecuente desbordamento nos centros de Atención Primaria.

 

Entre as súas demandas está o aumento de persoal de substitución, para poderen cubrir baixas e vacacións e reducir o número de pacientes por profesional. Denuncian a "precarización do sistema sanitario galego"  e a "deterioración da atención a pacientes, listas de agarda, esgotamento e desmotivación do persoal sanitario".

 

“O’mega está xa na súa décima xornada de folga. Estamos denunciando a sobrecarga asistencial que está padecendo o persoal médico. Tanto a nivel de atención primaria como hospitalaria, por falta de recursos. De persoal, na primaria xa estamos acostumados a que non se substitúa, a que ti chegues cunha listaxe de 40 pacientes e remates cunha de 52 porque tes que ver os dun compañeiro que non está, as urxencias que van xurdindo...e, claro, iso xera que non poidas facer unha asistencia de calidade", explica a Sermos Galiza Javier Iglesias, de O'Mega.

 

"A atención primaria mudou moito", informa o facultativo, que advirte que "xa non é a atención primaria de ambulatorio de hai vinte anos, para ben dos pacientes, e iso esixe máis tempo e máis medios, do cal non se nos dotou. Temos agora, por exemplo, unha serie de protocolos para derivar ao hospital.Cumprilo. lévanos 10 ou 15 minutos por paciente. O cal está moi ben, pero se eu teño catro pacientes deses ao día cunha listaxe de 45 ou non fas ben o protocolo ou tes que quitar a algúns pacientes”, engade.