Persoal médico do Val Miñor rebélase ante a falta de reforzo no verán

Os rexedores de Baiona, Nigrán e Gondomar tras reunirse co persoal sanitario do Val Miñor.

Os alcaldes da comarca súmanse á denuncia dos sanitarios. "Por primeira vez", din, a Xunta rexeita estabelecer reforzos extras nos meses de estío

Persoal médico e de enfermaría dos concellos Baiona, Nigrán e Gondomar enviaron esta semana un escrito á Xunta asinado por 49 profesionais da área reclamando o tradicional reforzo de costa na Atención Primaria durante a tempada estival

"A demanda triplícase neste período e os profesionais que exercemos a nosa actividade laboral nestes centros non podemos asumir o volume xerado nin nos podemos responsabilizar de ofrecer unha axeitada atención", sinalan os sanitarios.

Apoio da mancomunidade

"A correcta atención sanitaria da nosa poboación e dos visitantes que recibimos é un dereito avalado constitucionalmente e que está en serio risco. O propio persoal sanitario da comarca está alertando do caos que se aveciña de non rectificar a Xunta", advirte Juan González, presidente da Mancomunidade e alcalde de Nigrán.

Canda os rexedores de Gondomar, Francisco Ferreira, e Baiona, Carlos Gómez, vén de reunirse co persoal médico e de enfermaría do Centro de Saúde do Val Miñor para apoiar os profesionais na súa demanda de máis sanitarios durante a tempada estival.

Segundo constataron, e informan nun comunicado, a atención na comarca resulta xa deficitaria ante o rexeitamento da Xunta a estabelecer o tradicional reforzo de costa formado por médico, enfermeira, PSX e, adicionalmente, unha dotación extra no Punto de Atención Continuada.

Urxencias e desprazados

A negativa da Xunta a reforzar estes municipios turísticos é "histórica", din. E a isto "súmase a non reposición da terceira ambulancia da que sempre dispuxo o Val Miñor, manténdose igualmente en dúas pese ao exponencial incremento da poboación".

Apuntan un problema para a atención das Urxencias en xeral, pero tamén "para atender á xente desprazada de fora", advirte Juan González, quen xunto a Ferreira e Gómez, reclama unha solución inmediata tendo en conta a grande afluencia que se agarda na comarca xa desde este primeiro fin de semana de xullo.