Persoal investigador da USC reclama cunha concentración “dignidade laboral”


Piden a fin da “precariedade”. O protesto tivo lugar fronte ao reitorado e coincidindo co consello de goberno da universidade.

“Estamos fartas de que se nos silencie. Porque a carreira investigadora non pode seguir sendo sinónimo de precariedade”. Esta frase era unha das chamadas que estes días percorría a Universidade de Santiago (USC) animando a asistir á concentración que esta quinta feira reclamou “dignidade laboral” para o persoal investigador.

 

Un grupo de investigadores e investigadoras, convocados pola Asemblea de Investigadores de Compostela, (AIC) e lucindo camisolas negras, concentrouse perante o reitorado, onde tiña lugar un consello de goberno, para expoñer as súas demandas, que se resumen na fin da “precariedade”.

 

Desde este colectivo denuncian que desde 2016 unha parte do colectivo de investigadores e investigadoras soporta unha discriminación que se concreta en que se lle empezou a pagar por baixo do salario mínimo que fixa a normativa, néganselle subas salariais que si ten o resto de persoal da USC, e non se lles paga a indemnización por extinción de contrato. “Só pedimos que todas as persoas que teñen a mesma categoría profesional teñan garantidas as mesmas condicións laborais mínimas que xa recolle a normativa da USC”, din desde a AIC.

 

O reitor da USC, Antonio López, manifestou que no equipo de goberno "somos conscientes do problema e estamos a tratar, loxicamente, de buscar solución”.