Persoal investigador da USC afirma que se fai “negocio” coa súa “precarización”

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) critica que se lles negue unha suba salarial aducindo falta de fondos mentres a universidade recibe importantes ingresos extra por elas.

A Universidade compostelá recibe importantes fondos económicos pola captación de persoal investigador e o traballo por este desenvolto, mais aduce falla de capacidade económica para unha suba salarial dese persoal. É a denuncia que fai a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), que a inicios de febreiro anunciaba mobilizacións para pedir a fin da “discriminación” salarial e laboral que sofre este colectivo. Desde 2016, denunciaban, unha parte do colectivo de investigadores e investigadoras soporta unha discriminación que se concreta en que se lle empezou a pagar por baixo do salario mínimo que fixa a normativa, néganselle subas salariais que si ten o resto de persoal da USC, e non se lles paga a indemnización por extinción de contrato. Desde a equipa de goberna, afirmaban, xustificábase esta situación na falta de fondos económicos para poder normalizala.

 

Porén, desde a AIC non acreditan neses argumentos. Consideran que hai datos que botan abaixo ese argumentario do reitorado, como demostraría a resposta da Comisión da Transparencia de Galiza (adscrita á Valedora do Pobo) a unha reclamación presentada pola Asemblea. A AIC solicitou saber canto financiamento recibe a USC do Plan Galego de Financiamento universitario por “captación de talento investigador, produción científica, tese doutoramento…” das persoas en etapa predoutoural. En concreto, canto recibe da parte variábel dos indicadores relacionados directamente con investigadoras.

 

A AIC lembra que as axudas das correspondentes convocatorias públicas xa cobren os custos salariais estas persoas investigadoras. “Polo que estes son fondos extra percibidos pola USC a maiores, polo simple feito de ter captado a estas persoas e polo traballo que elas realizan (produción científica, teses, etc.)”. Así, no cómputo para o plan no ano 2017 considérase que os ingresos obtidos pola Universidade de Santiago para ese indicador son 1.356.810 euros.

 

“É dicir, mentres se lles negaba a estas persoas unha suba salarial de só 11,73 euros ao mes -alegando non ter diñeiro-, a USC percibía por elas máis de 1,3 millóns de euros extra só por unha parte dun dos indicadores dese ano. É indignante”, conclúen desde a AIC, que quere saber agora a que se destinan eses máis de 1,3 millóns de euros.