Persoal investigador concéntranse en Santiago contra a reforma da Lei de Ciencia

Concentración de InvestiGal contra a Ley de Ciencia do Goberno español (Foto: Europa Press)

Decenas de investigadoras e investigadores concentráronse en Santiago de Compostela en protesta pola reforma da Lei de Ciencia exposta polo Goberno estatal e que non soluciona os problemas de precariedade que sofre este colectivo.

A mobilización contra a Lei de Ciencia que prepara o Goberno español decorreu esta quinta feira, 15 de abril, na Praza do Obradoiro compostelá, convocada pola plataforma InvestiGal e dentro dunha campaña de protestas en todo o Estado.

As e os manifestantes congregáronse gardando as distancias de seguridade tras unha pancarta na que se lía ' Sen ciencia non hai futuro, investigación digna xa' e corearon consignas como “onde está, non se ve, 2% do PIB' ou “esta lei así non”.

Un dos membros da plataforma, Hugo López, criticou o proxecto de reforma da Lei de Ciencia, que foi aprobado no Consello de Ministros o pasado 31 de marzo e que non ten en conta as demandas históricas do colectivo investigador nin a situación que padecen.

"A reforma da Lei de Ciencia debería ser unha oportunidade para acabar coa precariedade das investigadoras e investigadores, e cremos que non o vai ser", lamentou, en declaracións aos medios.

López cualificou a norma de "maquillaxe" que "non vai cambiar o fundamental" que necesita este colectivo, afectado pola escaseza de prazas, a falta de oportunidades de estabilización e de investimento.

Do mesmo modo, engade, a reforma "deixa fóra moitos colectivos", como é o caso de investigadoras e investigadores hospitalarios ou persoal técnico de investigación, figuras que quedarían á marxe no caso de que a norma se aprobe definitivamente.

O manifesto da Coordinadora denuncia que a norma acentuaría a precariedade destes profesionais. "Preténdese a substitución do sistema actual, que xa define unha carreira ordenada, por outro con menos dereitos, máis precariedade e sen compromiso de aumento de investimento para aumentar o número de prazas que se convocan anualmente", sinalan.

En concreto, exponse a introdución dun novo programa ('Tenure Track') xunto coa extinción da figura de Científico Titular de Organismos Públicos de Investigación (OPIs). A partir de aí, serán substituídos postos de funcionariado por prazas de persoal fixo laboral "con moita menos independencia e unha importante redución de dereitos", entre eles os relativos a complementos de antigüidade.

En definitiva, engaden, esta medida implicaría a fusión dos actuais contratos Ramón y Cajal nun único contrato laboral con cláusulas de despedimento e menos dereitos, cando ese programa pode dar lugar a postos estábeis de científica ou científico titular ou contratado doutor en universidades.

Ademais, advirten que a reforma non garante a estabilización do persoal porque a oferta dos ‘Tenure Track' estará condicionada a cada OPE, polo que a contratación quedaría en mans dos centros de destino e dun comité de expertos.

As e os convocantes critican, ademais, que non se recoñece a carreira investigadora de todas as escalas e sectores e deixa de lado parte das figuras, ademais de obviar os compromisos adquiridos co colectivo de investigación predoutoral (como o dereito á indemnización por finalización de contrato) nin as de etapas posdoutorais.