Persoal de investigación da USC mobilízase fronte á “discriminación” salarial e laboral

Foto dunha mobilización anterior. Cedida pola AIC.

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) responsabiliza o equipo de goberno da universidade santiaguesa de “facer oídos xordos” ás demandas do colectivo.

Persoal de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) anunciou que iniciará mobilizacións e accións de protesta para pedir, informan, a fin da “discriminación” salarial e laboral que sofre este colectivo. Así se decidiu por unanimidade na Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), que se realizou o pasado 29 de xaneiro.

 

Desde este colectivo denuncian que desde 2016 unha parte do colectivo de investigadores e investigadoras soporta unha discriminación que se concreta en que se lle empezou a pagar por baixo do salario mínimo que fixa a normativa, néganselle subas salariais que si ten o resto de persoal da USC, e non se lles paga a indemnización por extinción de contrato. “Só pedimos que todas as persoas que teñen a mesma categoría profesional teñan garantidas as mesmas condicións laborais mínimas que xa recolle a normativa da USC”, din desde a AIC.

 

Estas demandas foron expostas a inicios de decembro á equipa de goberno da USC, que lles pediu que lles trasladasen as mesmas por escrito. Tamén se puxeron en coñecemento dos sindicatos presentes na mesa de negociación. As centrais, asegura este colectivo de investigadores e investigadoras, pediron formalmente á Xerencia da USC que convocase unha mesa de negociación mais esta segue en reunirse.

 

Perante esta situación, “o Vicereitor de Investigación e Innovación parece que nin está nin se lle espera”, este colectivo decidiu iniciar as mobilizacións.