Lidia Senra, europarlamentar

“O persoal que implementa as leis de igualdade debe ter formación feminista”

A eurodeputada Lidia Senra participou na tarde do sábado na presentación do libro O feminismo, imprescindíbel para construír outra Europa que decorreu en Chantada. Durante os próximos días tamén terán lugar presentacións na Estrada e en Vigo.

A Casa dos Veciños e Veciñas de Arcos, en Chantada, acolleu na tarde do sábado a presentación do libro O feminismo, imprescindíbel para construír outra Europa. Tomaron a palabra neste acto a europarlamentar do GUE/NGL Lidia Senra, a deputada de En Marea no Parlamento galego Paula Verao e a veciña de Arcos Olga Otero.

 

Trátase dunha obra, segundo relata a propia Senra a Sermos Galiza, que recolle “os textos de distintas xornadas e actividades que se promoveron tanto no Parlamento Europeo como na Galiza sobre a situación das mulleres e sobre a necesidade de seguir avanzando na loita feminista en defensa dos dereitos das mulleres e para combater a violencia machista”.

 

“A idea é divulgar o que se tratou nesas xornadas”, afirma a promotora da iniciativa, quen informa de que no acto da tarde do sábado en Chantada falouse, alén do contido do libro, “da actividade que estamos desenvolvendo a prol dos dereitos das labregas e das mulleres que viven no rural”. “Houbo moita participación e un intercambio de ideas importante”, afirma Lidia Senra a respecto da acollida da obra.

 

A titularidade compartida, a debate

 

No debate que seguiu a presentación abordouse a preocupación das mulleres polas pensións públicas e, sobre todo, pola titularidade compartida, “pronunciáronse mulleres que se sentiron discriminadas por traballaren nunha explotación agraria familiar sen titularidade compartida e algunha delas viuse na obriga de levar adiante unha batalla para lograr que se lle recoñecesen os seus dereitos”, salienta.

 

A eurodeputada galega puxo de manifesto que dentro da reforma da Política Agraria Comunitaria deberían contemplarse medidas que axuden a paliar a discriminación que sofren as mulleres por non estar implementada a titularidade compartida, “a pesar de termos leis, adíase moito a súa aplicación e, ás veces, o sesgo machista impide o avance”. Nesta liña, Senra subliñou a necesidade de que o persoal que implementa as leis de igualdade e contra a violencia machista “teña formación en feminismo”.

 

O libro

 

A obra, que pode descargarse de balde, recolle artigos de mulleres como Alicia H. Puleo; Eliane de Moura Martins; Nerea Conde; Tania Bouzo; Paula Verao; Rosa Álvarez; Ángela Vallina; Marga López Barreiro; Sonia Vaccaro; Estrela Gómez Viñas; Rosa Álvarez; Ana Eiras… ou o grupo Fiadeiras e a Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo.

 

Ademais de estar dispoñíbel en aberto na súa versión dixital na propia web de Lidia Senra, o libro conta cunha tirada inicial de 1.500 exemplares, que se están a distribuír de balde por toda Galiza.

 

Após a presentación de Chantada, terá lugar a presentación de Vigo (na Libraría Andel, o 27 de abril, ás 20 horas) e a da Estrada (na Sala Abanca, o sábado 5 de maio ás 19h).