Persoal eventual denuncia que o Sergas pide incorporacións con menos de 12 horas

Enfermeiras eventuais en loita reivindica a recuperación dos servizos sanitarios públicos de calidade.
Enfermeiras Eventuais en Loita critica a "falta de previsión" na contratación do persoal por parte do Sergas, que esta semana avisou dos novos contratos na noite anterior, ou mesmo na propia mañá na que daban comezo. 

De noite e con menos de 12 horas de antelación está a chamar o Sergas o persoal eventual de enfermaría para se incorporar nos contratos deste mes de outubro.

Denunciouno esta semana Enfermeiras Eventuais en Loita, que ve no ocorrido o pasado 30 de setembro unha mostra máis da "falta de previsión" da Administración sanitaria galega na xestión do seu persoal.

"Até pasadas as 21.30 horas estiveron chamando para empezar ao día seguinte pola mañá, e non pode ser. Nalgún caso, como na Coruña, na mesma mañá de onte  cubríronse unhas vacacións con listas especiais para incidencias de última hora, cando a cobertura de vacacións non o é. As nosas vidas nunca importaron, iso está claro, pero tampouco a dos e das pacientes", censura desde a plataforma Aurora Magán, unha das profesionais afectadas.

Segundo expón, esta contratación in extremis non se restrinxe a casos sobrevindos, como unha baixa de última hora, que non se pode prever, senón que se estendeu a servizos como o novo Covid-Auto –planificado desde unha semana antes– de Compostela, postos en laboratorio de Medicina Preventiva ou renovacións na cobertura de contratos estruturais.

"Somos centos as compañeiras que onte –polo día 30– rematabamos contrato e hoxe –por onte– empezabamos, moitas, nun sitio novo, para o que hai que prepararse, chegar, aprender...", razoa a portavoz, en conversa con Nós Diario

Servizos de calidade

Como salienta, esta falta de planificación non só xera estrés no persoal senón que repercute tamén na calidade do servizo que se presta. "Chegamos contrarreloxo, sobrecargamos as compañeiras que nos teñen que formar. Que gañan tratándonos como números?", pregúntase, lamentando que nin unha pandemia mundial nin o cambio aplicado na Consellaría de Sanidade teña servido para mudar unha xestión "para a que non hai argumentos". 

"Unha das últimas declaracións de Vázquez Almuíña como conselleiro foi que a política de contratación do Sergas non ía mudar. É algo moi duro saber que nin sequera pensan en diálogo. Agora cambiamos de conselleiro e de xerente do Sergas, mais seguimos igual. Mudamos a cara e mantemos o resto", critica Magán.

Segundo sinalan desde Enfermeiras en Loita, a situación desta semana non é inédita, se ben afectou a máis profesionais  que noutras ocasións ao xuntarse a fin de vacacións con prórrogas de contratos derivadas da Covid-19, que se sumaron á cobertura de interinidades que comezan o 1 de outubro e de "ocos estruturais". 

Con todo, e segundo a portavoz, a planificación da acción contra a pandemia podía ter mellorado a situación deste persoal, e non foi o caso. "Fálase dunha partida orzamentaria para reforzar o sistema de contratacións, pero non sabemos que foi dese diñeiro. Si que se crearon algúns postos novos, pero non son significativos e a ratio de enfermeiras segue moi por debaixo do que debera", observa, advertindo que, se ben a situación epidemiolóxica non chega aos niveis de presión hospitalaria dos primeiros meses si mantén a Atención Primaria "absolutamente saturada". 

A experiencia na Covid-19 non puntúa

A experiencia de seis meses na xestión da Covid-19 tampouco serviu para mudar a política para o persoal que atende estes casos. "Non existe unha bolsa de traballo de coronavirus, senón que se nos chama por lista de contratación e puntuación, de maneira que un día estás nun servizo e outro, noutro", explica a enfermeira.

A toma de experiencia depende, segundo indica, do "sentido común" do persoal, que adoita elixir manterse nun servizo, unha vez coñece o seu funcionamento.

"Hai sublistas de contratación  para Urxencias ou as UCI, para xente con experiencia no servizo, e houbo propostas para facer o mesmo coa Covid: premiar esa xente que sufriu unha aprendizaxe a marchas forzadas e aproveitar esa experiencia, pero non. Xa non é unha cuestión económica, senón de saber xestionar", avalía.