Instan a Sanidade a recoñecer as embarazadas como grupo prioritario a vacinar

Unha muller embarazada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: UGR / Europa Press)
O chamamento parte de persoal de enfermaría, matronas e especialistas en Xinecoloxía e Obstetricia. A evidencia científica, din, confirma que son "seguras e eficaces" ao tempo que advirten dos posíbeis riscos de non se vacinar.

A Organización Colexial de Enfermaría e a Asociación Enfermaría e Vacinas ( Anenvac) solicitaron ao Ministerio de Sanidade que as embarazadas sexan recoñecidas como grupo de vacinación prioritario, dado o elevado risco de complicacións aoq ue se expoñen se contraen a enfermidade. Ademais, reiteraron a súa recomendación para que as embarazadas se vacinen, xa que son "seguras e eficaces" para elas.

Evidencia científica

"Nun primeiro momento as embarazadas quedaron excluídas da vacinación fronte á Covid-19 porque non había estudos científicos que a avalasen. Con todo, co paso do tempo e o avance da evidencia científica o primeiro que debemos ter claro é que as vacinas de ARN mensaxeiro, que son as que se analizaron neste colectivo, son seguras e eficaces tamén para as mulleres embarazadas, polo que enfermeiras e matronas, enfermeiras especialistas en Xinecoloxía e Obstetricia deben recomendar a vacinación ás pacientes nas súas consultas, tanto no embarazo como na lactación", dixo o presidente do Consello Xeral de Enfermaría, Florentino Pérez Raia.

A este respecto, o presidente da Asociación Enfermería e Vacinas ( Anenvac), José Antonio Forcada, lembrou que con esta vacina está a protexerse a muller dos riscos derivados de infectarse por coronavirus durante o embarazo, evitando así que se converta nun embarazo de risco. "Se se contaxia durante a xestación ten máis risco de desenvolver unha Covid-19 grave, pero tamén de parto prematuro, preeclampsia e trombos", subliñou.

De feito, a vocal matrona do Consello Xeral de Enfermaría, Montserrat Angulo, lembra que a evidencia científica di que, sobre todo, no terceiro trimestre, hai máis risco de que o bebé chegue antes de tempo. Se a xestante se vacina, "vai pasar a inmunidade ao seu bebé, co que no nacemento estará protexido fronte á Covid-19. Por iso, o que se está recomendando é a vacinación", engadiu.

Nin risco de infertilidade nin de aborto

"Segundo a última evidencia dispoñíbel, o que sabemos é que non é necesario nin pospoñer ningún tipo de tratamento de fertilidade ou de fecundación in vitro, nin esperar ningún tempo para buscar o embarazo. A vacina nin causa infertilidade nin aumenta o risco de aborto espontáneo. A única precaución é evitar a vacinación tres días antes e despois de someterse a unha recuperación de  ovocitos, transferencia de embrións ou inseminación, pero por poder vixiar mellor os posíbeis efectos secundarios do tratamento, non porque supoña ningún problema coa vacinación", subliñou Angulo.

Tampouco supón ningún tipo de inconveniente coa lactación, máis ben ao contrario, pois a través do leite materno, a inmunidade que adquire a nai transmítese ao bebé. Ao final, a última decisión será da nai, pero en caso de dúbida recomendan que valore coa súa matrona ou co profesional sanitario de referencia que controle o seu embarazo, o seu nivel de risco á exposición, pois non é o mesmo estar  teletraballando que atendendo ao público, así como os riscos de contraer a enfermidade tanto para a nai como para o bebé ou os beneficios que xa se coñecen da vacinación e a evidencia da seguridade da vacina no embarazo.