Persoal dos centros de Benestar acusan a Beatriz Mato de facer deles ''un luxo privado''

Chaman á mobilización nacional do sábado en Compostela en defensa dos servizos públicos. Cómpre lembrarmos as adxudicacións e os convenios asinados pola consellaría de Traballo con entidades relixiosas e empresas privadas para a xestión de residencias de maiores, escolas infantís e centros de menores

Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar, está a ser "a punta de lanza" das accións emprendidas nos últimos tres anos e que conduciron cara a privatización de residencias de maiores, escolas infantís e centros de menores, así como á destrución de emprego público. É este o motivo polo que o Comité de empresa de Traballo e Benestar da Coruña fai un chamamento a todo o persoal laboral para que secunde, este sábado, a mobilización nacional convocada en defensa dos servizos públicos, e que arrincará ás 12.30h do mediodía na Alameda de Compostela.

Facendo memoria, o primeiro de xuño o Diario oficial da Galiza facía públicos os convenios que Mato asinou para os catro primeiros meses do ano. Na relación de entidades beneficiarias, as maiores contías van parar a Asociación Galega San Francisco (Agasfra) --2.082.955,32€--, para contribuír ao mantemento dos servizos que presta a través dos seus centros de atención a persoas con discapacidade da súa titularidade; e a Esclavas de la Virgen Dolorosa-Crecente --1.038.441,60€-- para contribuír ao mantemento do servizo que presta a través do Centro Residencial Asistencial Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey.

Tales axudas resultan rechamantes, pois neste mesmo ano deixaron de funcionar o centro de menores de Montealegre, en Ourense, e o de Soutomaior, en Ferrol. Alén destes, o pasado ano a consellaría de Benestar eliminou o centro de atención especializada do Santiago Apóstolo, e privatizou o centro Souto de Leixa, en Ferrol, que acabou sendo propiedade do grupo empresarial CLECE, vinculado a Florentino Pérez. Estes dous últimos centros prestaban atención, xustamente, a persoas con diversidade funcional.

Respecto das escolas infantís, a Fundación de estudos e análises --Fesan--, unha empresa vinculada ao Opus Dei, e Promoción de la formación Las Palmas --Profolp--, con sede en Madrid, repartiron en maio a xestión privada dos centros Pontevedra-Monte Porreiro, O Pino, Coristanco, Carballo-A Baña e Betanzos. E Amancio Ortega, dono do imperio Inditex, financiará a construción de máis nove centros.

Para alén de colocar este servizo público directamente nas mans da Igrexa e da empresa privada, no Comité de empresa da Coruña --onde teñen representación CIG, CC.OO., UGT e CSI-CSIF-- responsabilizan a Xunta do PP da tesoirada practicada no convenio laboral "de maneira unilateral e ditatorial", recortando nos tempos de descanso, penalizando economicamente a enfermidade e botando embaixo até 200 postos de traballo. "Mato é unha fiel seguidora dos ditados de Mariano Rajoy e Feijóo", sinala o comité de empresa, quen apunta o ánimo de lucro das adxudicatarias dos servizos públicos, "comercializando en detrimento da calidade das prestacións" para as persoas usuarias.