Persoal de DomusVi retoma as protestas polas "malas prácticas" das residencias

O colectivo de Traballadoras de Residencias da Galiza, TreGa, manifestouse onte diante da sede do grupo DomusVi en Vigo.
O colectivo TreGa denuncia a falta de persoal que sofren os centros de maiores xestionados por este grupo empresarial e a conivencia da Xunta. "Mira cara a outro lado", advirte a plataforma de traballadoras das residencias. 

"DomusVi rouba, engana, trata as persoas usuarias como se fosen números, son unicamente un negocio... e a Xunta mira cara a outro lado". A denuncia, á que pon voz Sonia Jalda, membro do colectivo de Traballadoras de Residencias da Galiza, TreGa, é unha das motivacións para a mobilización que na tarde de onte volveu levar as protestas do persoal diante da sede social da empresa, que xestiona perto dunha trintena de residencias de maiores na Galiza, na avenida García Barbón de Vigo.

Nesta convocatoria, que as traballadoras e familiares levan realizando de forma periódica desde hai máis dun ano –co parón do confinamento– co apoio das asociacións de familiares das residencias da área de Vigo englobadas na Federación Rede, a plataforma quere alertar dun "retorno aos mecanismos antigos de malas prácticas" de DomusVi previos á crise sanitaria, cos "riscos" que supón para as persoas residentes a "endémica falta de persoal".

Hoxe, ningún dos centros galegos de maiores rexistra xa casos positivos por coronavirus entre o colectivo de residentes, e unicamente un traballador continúa afectado, na residencia Santa Teresa Jornet da Coruña, na que onte se lle deu a alta ás últimas tres usuarias contaxiadas. Porén, desde o inicio da pandemia, 274 usuarios e usuarias das residencias da terceira idade faleceron na Galiza a causa do coronavirus, 44,2% do número total de mortes. Segundo alerta TreGa, máis de 150 dos decesos proceden de centros privados xestionados por este grupo empresarial, "unha cifra terríbel, da que en parte son responsábeis as malas prácticas e as neglixencias coas que vén operando DomusVi nos últimos anos".

Servizos precarios para as persoas maiores

"Reclamamos residencias públicas, dignas e de calidade. Está claro que este sistema non funciona, a falta de persoal foi tremenda", laméntase a portavoz de TreGa, que culpa a Administración galega de "alimentar empresas, vendidas a fondos voitre, a costa da calidade do servizo e coas consecuencias que vimos nos centros privados nesta crise". "A xente non se decata de que imos facéndonos maiores e que ese é o futuro que nos agarda, precariedade dos servizos para maiores", engade, e pon como exemplo as "deficiencias" alimentarias, "que supoñen despois  un gasto enorme ao Sergas por falta de proteína". 

Neste contexto, o colectivo ve ineludíbel unha dotación de persoal "suficiente para dar unha atención digna ás persoas maiores" e unhas ratios equilibradas en todas as residencias". "As persoas dependentes son todas iguais, aínda que teñan patoloxías diferentes. Residentes e traballadoras precisan vivir nas residencias con seguridade, e coa falta de persoal na que volve incidir DomusVi é imposíbel", censura a entidade.  

Igualmente, o colectivo reivindica os dereitos laborais do persoal e o cumprimento da sentenza pola que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG)  recoñeceu o pasado mes de maio os descansos e as compensacións por festivo, en aplicación do convenio colectivo de residencias privadas da terceira idade da Galiza.

Primas que "discriminan" o persoal contaxiado

A portavoz de TreGa alerta da "discriminación laboral" que supón a prima que DomusVi está a repartir entre o seu cadro de persoal pola carga laboral durante a pandemia. "Non se ofrece a todo o persoal e non ten o mesmo importe, dependendo da residencia", advirte Jalda, que apunta que estas cantidades, de até 700 euros, van dirixidas unicamente a traballadores e traballadoras que teñan estado activas durante 70 días na pandemia, pero non para quen estivo de baixa por ter contraído a enfermidade: "É indignante, porque ninguén se infectou estando na súa casa, senón que foi nas residencias".

Desde TreGa subliñan que o continxente laboral precisa "máis que dádivas, reforzo do persoal, e un merecido descanso físico e psíquico, após catro meses vivindo nun shock emocional constante".