Demandan á Xunta medidas de seguridade nos centros de menores

O persoal de DomusVi, sen probas PCR periódicas

Un usuario da residencia do Incio é trasladado ao hospital (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

As traballadoras e traballadores das residencias e dos centros de menores quéixanse da falla de medidas de prevención fronte á pandemia. Nun caso e noutro denuncian a negativa de DomusVi e da Xunta da Galiza a realizar de xeito periódico probas de PCR ao cadro de persoal e aos residentes dos mesmos.

Os centros de maiores volven ser a zona cero da pandemia. Desde o comezo desta segunda vaga xa faleceron 15 persoas a causa do coronavirus nas residencias da Fundación San Rosendo do Incio e de Orpea en Culleredo, os xeriátricos máis golpeados pola doenza canda o de DomusVi en Outeiro de Rei. Precisamente, traballadoras e traballadores de DomusVi denuncian a ausencia de medidas de protección nos centros desta empresa e critican a ausencia de probas de PCR periódicas para o persoal e as e os residentes.

“As probas de PCR non se fan periodicamente, nin cada 15 día”, revela, en declaracións a Nós Diario Sonia Jalda, portavoz de Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega), quen advirte do incumprimento do disposto pola normativa nas residencias de DomusVI. “A lexislación estabelece que antes de reincorporarte ao traballo ao remate das vacacións deben facerche unha proba PCR para descartar que non es positivo, pero iso en moitos casos non está acontecendo. Así, por exemplo, unhas compañeiras nosas que traballan na residencia de Bembibre, en Vigo, foron requiridas polo Sergas para facer as probas cando xa levaban dous días traballando no centro”.

Jalda cuestiona as medidas de prevención nas residencias de DomusVi. “Estamos peor que antes da pandemia. Non se cobren as baixas de persoal, incúmprense as ratios, carécese dos traballadores especializados fixados nos convenios e na normativa e isto é máis grave nunha situación como a actual, onde é fundamental contar con xente para dar resposta á situación”, afirma Jalda, quen indica que “estamos a pasalo moi mal pola falla de persoal”. A este respecto, o presidente da Fundación Rede, que agrupa as asociacións de familiares de persoas usuarias dos centros de maiores, Paulino Campos, afirma que “nestes momentos o cadro de persoal dos xeriátricos de DomusVi é un 25% inferior a do mes de marzo”.

Campos, en declaracións a Nós Diario, pon en dúbida a seguridade das residencias de DomusVi. “Non se lles están facendo probas, coa periodicidade necesaria, ás traballadoras e traballadores dos centros de maiores de DomusVi, superándose na práctica totalidade dos casos os estándares esixidos”, destaca Campos, quen considera que “non aprendemos nada do acontecido en marzo”. “O sucedido nos últimos días na residencia do Incio, na de Culleredo e na de Outeiro de Rei é un exemplo claro disto”, sinala, preocupado pola situación deste último centro. Precisamente, Jalda reclama a súa intervención e adianta que “se isto non se fai, vai acontecer o mesmo que en Aldán (Cangas) ou Barreiro (Vigo)”.

Os centros de menores, no foco

A situación dos traballadores e usuarios dos centros de menores garda certas semellanzas co das residencias. Neste sentido, a CIG denuncia que “a Xunta non lle vai facer probas PCR nin aos novos ingresos nin ao persoal dos centros de menores a pesar de ser unha das medidas máis efectivas para evitar contaxios da Covid-19”. Ao tempo, a central sindical nacionalista urxe o Goberno galego a aplicar as “medidas aprobadas no Consello Interterritorial de cara a minimizar o risco de contaxio dentro do centro, tanto entre traballadores como entre usuarios ou internos”.

A CIG considera necesario “extremar as precaucións” atendendo ás “características dos centros de menores, en particular dos centros de cumprimento de medidas xudiciais”. Advirte da “ventilación limitada e deficiente (fiestras de seguridade para evitar fugas que só abren 10 centímetros e portas de entrada fechadas con chave)” e da “imposibilidade de manter a distancia de seguridade” con “espazos reducidos nos fogares con até 12 menores, 3 educadores e un garda de seguridade”.

A secretaria da federación da Administración da CIG, Zeltia Burgos, demanda da Xunta da Galiza un protocolo para actuar diante desta situación e esixe a “realización periódica de probas de PCR”. Neste sentido, en conversa con Nós Diario, lembra que “o artigo 22 da Lei de Prevención de Riscos Laborais obriga á realización de probas de PCR non só para os traballadores dos centros senón tamén para os usuarios, que non están confinados como o das residencias”. Burgos critica que a Consellaría de Política Social “mire para outro lado”, polo que non descarta denunciar os feitos diante da autoridade laboral.