Persoal do Sergas en Vigo alerta de que os contaxios da Covid "desbordan Urxencias e Atención Primaria"

Cribado para detectar contaxiosa da Covid-19 na Galiza. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Acusa a xerencia da área sanitaria de non pór medidas para paliar a situación de "sobrecarga" de traballo. En paralelo, a Xunta e os colexios farmacéuticos do país acordaron que os test de antíxenos que dean negativo e sexan verificados nas oficinas de farmacia terán validez para acceder a bares e negocios de lecer nocturno.

A xunta de persoal da área sanitaria de Vigo denunciou esta terza feira a "sobrecarga asistencial" que padece a Atención Primaria pola "falta de medidas adoptadas pola xerencia". O colectivo afirmou que as e os profesionais están a vivir "un dos peores momentos nas súas condicións de traballo" ante os contaxios da Covid-19, que "desbordan os servizos de Urxencias e Atención Primaria".

As e os traballadores aseguran que "fai semanas" se pediu "axuda" desde varios centros de saúde. Ao respecto critican que "a xerencia non aportase ningunha medida nin ningún plan" para asumir da mellor forma posíbel a asistencia ás doentes.

Ante a "sobrecarga" que implica o feito de que as e os sanitarios "dobren quenda para garantir a asistencia á poboación", a xunta de persoal pediu ao servizo de Riscos Laborais que estude as cargas de traballo.

Tamén achegou unha denuncia ante a Inspección de Traballo para que "interveña na situación que vive a Atención Primaria actualmente".

Facer os test diante das farmacéuticas

Mentres estas denuncias chegaban desde Vigo, a Xunta mantivo a súa axenda e acordou os últimos detalles do convenio cos colexios farmacéuticos para a venda do test de antíxenos nas boticas.

Así, decidiuse que "sempre que a proba autodiagnóstica" se faga na presencia dunha responsábel da oficina de farmacia se expedirá "o certificado se o resultado é negativo".

En consecuencia, con ese garante de non estar afectada ou afectado polo coronavirus permitirase a entrada nos estabelecementos de hostalaría, tanto os que abren polo día como os ligados ao lecer nocturno (que traballan dunha forma reducida polo contexto epidemiolóxico actual).