Persoal do Sergas advirte que o protocolo XIDE vulnera a privacidade das pacientes

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, á esquerda, nunha reunión hoxe. (Foto: Arxina)
Doentes deben explicar os seus síntomas ao persoal administrativo

Un mes despois de que a Consellaría de Sanidade implantara o protocolo de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE), pacientes, persoal administrativo e profesionais médicos critican as consecuencias que está a provocar este programa. Segundo o Sergas, o XIDE trátase dunha ferramenta que permite regular a accesibilidade da poboación que acode á Atención Primaria ofrecendo á cidadanía citas dirixidas ás distintas especialidades segundo o motivo da consulta. Segundo sinalou Sanidade, este procedemento reduciría os tempos de agarda para resolver as demandas da poboación.

Porén, desde a CIG-Saúde denuncian demoras no momento de concertar as citas médicas así como unha violación do dereito á privacidade dos e das pacientes, que teñen que indicar as súas doenzas nun mostrador aberto e, habitualmente, ateigado de xente. Desta forma, a persoa que quere pedir unha cita de forma presencial, debe expor a súa patoloxía ao administrativo ou administrativa quen introduce os datos no programa XIDE para que se lle indique a que profesional debe dirixirse e en que día e hora.

“Se antes fixabamos a cita nun par de minutos, agora leva o dobre” dado que o paciente debe responder a todas as preguntas que expón o programa, explica a secretaria comarcal da CIG-Saúde en Vigo e enfermeira no Hospital Álvaro Cunqueiro, Pilar Rodríguez. Así, sinala, “isto provoca unha demora na atención e a acumulación de xente nas áreas administrativas”, e engade que en moitos centros de saúde da comarca estanse a formar colas de xente que quere formalizar unha citación.

Nesta liña, sinala que, nun principio, o XIDE estaba pensado para ser utilizado nas atencións urxentes, mais, nestes momentos, emprégase para realizar calquera tipo de citas. “Se o programa considera que a situación do paciente é urxente, pode dar unha cita inmediata para ese mesmo día pero, se non, fixa unha data próxima. Isto provoca que nalgunhas áreas sanitarias a cita sexa dous días despois pero, noutras, exceda incluso os dez días”.

Ademais, apunta que, no caso de finalmente non poder acudir á cita sinalada polo XIDE, para poder acceder a outra cómpre volver pasar por todo o procedemento de exposición da patoloxía. “É un programa ilóxico”, opina Rodríguez, “non se adecúa ás realidades nin ás necesidades dos centros”.

Vulneración de dereitos

Segundo critican desde a CIG este programa está a crear gran conflitividade entre a poboación, que debe dar os seus datos persoais e explicar as súas doenzas -mesmo cando non desexa facelo- para poder pedir unha cita nas áreas administrativas onde non existe “ningún tipo de privacidade”. A CIG sinala que se trata dunha “triaxe encuberta”.

Ademais, di Rodríguez, “para responder as preguntas do XIDE tes que saber moito sobre a patoloxía que tes”. Así, danse casos nos que non se sabe como introducir a información que dá o paciente no programa sendo o persoal administrativo o encargado de interpretar as explicacións da doente. Isto xera “grandes inseguridades nos profesionais” dado que a cita do paciente vai depender do que estes introduzan no programa, o que significa á vez un aumento da carga de traballo dunha área que se encontra “infradotada de persoal”, asegura Rodríguez.

Case 800 cirurxías foron suspendidas pola folga sanitaria

Sanidade estima que a participación do persoal médico na xornada de hoxe na folga indefinida convocada pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) descendeu até 13,49%, a cifra máis baixa para a quenda da mañá desde o comezo da greve na terza feira. A pesar de que o Sergas destacou que 86,5% do persoal acudiu a traballar hoxe, CESM cifraba o seguimento en arredor de 60%, criticando que os datos "son moi superiores" aos da Administración.

Segundo datos do Sergas, até a tarde da cuarta feira, a folga obrigou a suspender un total de 791 cirurxías, 14.831 consultas externas e 1.298 probas. Ademais, desde Sanidade destacaron o cumprimento “de 100%” dos servizos mínimos que responden “adecuadamente todas as urxencias”. A área sanitaria que máis está a seguir a folga do sindicato CESM é a de Vigo.