Persoal do Hospital de Monforte mobilizarase contra o “desmantelamento” do centro

Hospital de Monforte. (Foto: Nós Diario)

CIG-Saúde alerta da falta de especialistas en numerosos servizos

A asemblea de traballadoras e traballadores do Hospital de Monforte (Terra de Lemos) convocada pola CIG-Saúde a pasada cuarta feira acordou iniciar mobilizacións contra o “desmantelamento do centro hospitalario, reclamar un reforzo de persoal e que se cubran todas as vacantes de especialistas”.

A primeira das protestas convocada polo cadro de persoal do hospital monfortino terá lugar a próxima quinta feira, 20 de xullo, cunha concentración ás 12h diante do centro.

A CIG-Saúde promoveu a asemblea e a convocatoria de mobilizacións ante a “gravidade do que está a pasar, sobre todo para a veciñanza". "Temos que evitar que se siga desmantelando o hospital deste xeito", salientan, e por iso a central nacionalista fai un chamamento tanto ao persoal como a veciñanza da Terra de Lemos para que se sume á concentración.

Neste camiño, a asemblea de traballadoras e traballadoras do hospital tamén acordou convocar a Xunta de Persoal para recoller o maior número de apoios ás accións que se leven a cabo, dirixirse ao Concello para que convoque o Consello de Saúde e contactar coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública para que apoien tanto a concentración da quinta feira como para promover unha gran manifestación á volta do verán "ante a deriva que está tomando do hospital".

Falta de especialistas

No relativo ás carencias de especialista, que a CIG-Saúde leva meses denunciando, Vicente Vázquez lembrou que faltan dúas hematólogas (repartíndose o seu traballo entre diversos profesionais); non hai especialista de dixestivo (faise cargo destas consultas medicina interna), nin tampouco de rehabilitación.

Neste caso, apunta, "o único que hai son uns protocolos feitos polo persoal de rehabilitación de Lugo en consenso co de fisioterapia, pero descoñecemos quen fai o seguimento das persoas doentes, nin se funciona o tratamento ou quen lles dá a alta".

Advirte, tamén, que se están derivando moitas doentes á sanidade privada, concretamente ao Polusa, sen ter en conta os trastornos que estes desprazamentos a Lugo lles provocan ás persoas doentes.  E, ademais, "seguimos sen ter especialista en neuroloxía propio (veñen do HULA), ao igual que o cardiólogo e dúas pediatras".

Este déficit de profesionais acaba repercutindo tamén sobre o persoal administrativo, "xa que teñen que reprogramar todas as citas suspendidas da maior parte destes servizos. O persoal está totalmente desbordado, porque xa tiñan traballo dabondo e agora teñen que reprogramar todas as citas tanto de hematoloxía coma de rehabilitación e aínda por enriba cando piden un día non os cobren".