O persoal demanda non ficar á marxe do acordo que acaden Povisa e Sergas

O comité de empresa de Povisa concentrouse diante do Parlamento de Galiza para exixir que o persoal non fique á marxe dos acordos aos que se chegue entre a empresa e o Sergas. A este respecto, María Xesús Neira, portavoz do Comité advertiu que “moito nos tememos que negociarán entre eles, chegarán a un acordo, nós quedaremos fóra del e dentro duns anos volveremos estar nas mesmas, cando se decida que non chegan os cartos, pola razón que sexa, e se intente volver negociar”.

 

No hospital de Povisa, que conta cun total de 1420 traballadores, presentouse un preconcurso de acredores a finais do mes de setembro. A empresa argumentou que o concerto co Sergas “era ruinoso” e reclamou máis cartos para facerlle fronte a todos os gastos. A partir de aí iniciouse un proceso de negociación entre ambas as partes.

 

O persoal demanda que nese acordo se recolla a mellora das súas condicións laborais e o mantemento dos postos de traballo. O convenio está conxelado desde decembro de 2010. Intentouse pór o convenio provincial, pero foi tombado por sentenza xudicial. Neira lembra que “o que se alegaba xa naquel momento é que non había unha estabilidade porque non estaba asinado un novo concerto, porque só había prórrogas”.