O persoal das residencias públicas insiste na denuncia dos recortes por parte da Xunta

Comparecencia da conselleira Fabiola García. (Foto: Europa Press)
Parte da representación sindical destaca que este "servizo público" foi reducindo "os dereitos" laborais desde 2012, o que afectou ao número de empregadas e tamén á calidade da atención. Allea ás críticas, Política Social ofreceu un novo parte de contaxios nestas infraestruturas na que fala dunha pequena baixada.

Representantes sindicais das e dos traballadores das residencias de maiores dependentes da Consellaría de Política Social e, polo tanto, da Xunta, volveron denunciar esta quinta feira o “deterioro” que sufre este “servizo público”, aínda máis visíbel en plena pandemia. A crítica coincide nunha xornada na que baixa o total de casos positivos da Covid-19 nestes centros, pero con crecemento dalgúns focos en xeriátricos privados.

Os cadros de persoal das residencias públicas da Galiza, a través de Comisións Obreiras e UXT, insisten nesta nova xornada de mobilizacións de protesta (xa suman 28) en que a situación non deixa de ir a peor.

“Desde 2012, a Xunta practicou un brutal recorte de dereitos para os traballadores e traballadoras, reduciu a relación de postos de traballo amortizando prazas, que con tempo se ten demostrado que eran moi necesarias para facer fronte a situacións como a actual”, resaltan nun comunicado.

O empeoramento das condicións laborais e a redución do número de empregadas á súa vez afecta, e moito, á calidade coa que se poden ofrecer estas atencións ás persoas maiores.

A representación fala da “interinidade do persoal” que chega ao “50%” e lamenta que moitas infraestruturas do Goberno galego “traballen ao mínimo dos seus efectivos, producindo unha sobresaturación e o aumento nos accidentes de traballo e baixas por enfermidade profesional”.

Máis accidentes

De feito, incluso aseguran que o departamento que dirixe Fabiola García é no que máis sinistros laborais rexistran dentro de toda a Xunta.

“Política Social e os seus órganos máximos de persoal non foron nin son capaces, case un ano despois do inicio da pandemia de organizarse de forma homoxénea nos seus centros, reinando a descoordinación e homoxeneización de criterios, dependendo da Xefatura Territorial e aínda dentro destas dependendo de cada centro de traballo as direccións dos mesmos teñen en moitas ocasións que planificar o servizo de xeito autónomo sen contar con un plan deseñado de estruturación do seu persoal” insisten desde as centrais sindicais.

Até que non haxa unha solución pensan seguir protestando cada quinta feira. E máis coa afección do coronavirus, que complica o traballo das e dos operarios quer en instalacións públicas, quer nas privadas.

A situación en toda a rede

De feito, o parte de Política Social de hoxe amosa unha baixada do número de positivos. Hai 399 residentes na rede galega que son positivas por coronavirus e 196 traballadoras que están infectadas.

Houbo máis saídas da listaxe que altas, pero hai que ter en conta que no gromo de Mi Casa, en Ferrol, sumaron outras oito usuarias. Así xa son 33 os casos activos.

Aliás, na DomusVi Laraxe incrementáronse en 13 os positivos, dando como resultado 37 usuarias enfermas, así como cinco operarias.

A baixada máis grande e repentina foi na Quercus de Leiro (18 persoas). Malia todo, seguen a ser importantes os surtos da DomusVi Carballo (63); a San Simón de Teo (15); a Nosa Señora do Carme de Sarria (71) ou a propia residencia de Leiro, con 34 maiores coa Covid-19.

Respecto das infraestruturas da atención á diversidade funcional, hay 93 beneficiarias enfermas así como 40 membros das equipas sociosanitarias.