Persoal das residencias mobilízase antes da folga que comeza mañá

Manifestación en Compostela previa á folga nas residencias privadas. (Foto: Arxina)

A Xunta impón uns servizos mínimos do 100% á folga nas residencias, unha decisión moi criticada por parte da CIG durante a manifestación desta cuarta feira.

 

Centos de traballadoras e traballadores de residencias privadas da Galiza saíron hoxee a rúa en Compostela para erguer a súa voz desde o edificio administrativo da Xunta da Galiza en San Caetano até o Parlamento, nunha mobilización convocada conxuntamente pola Confederación Intersindical Galega, Comisións Obreiras e Unión Xeral de Traballadores.

Esta marcha é a antesala da folga indefinida á que están convocadas até 12.000 profesionais do sector a partir das 22 horas de mañá.

Exixen que a patronal sente a negociar un novo convenio no que se actualicen as retribucións, nun sector que leva dous exercicios co convenio caducado e no que a norma é a precariedade nas condicións salariais e laborais, denuncian as forzas sindicais.

Ademais da patronal, as centrais salientan a responsabilidade da Xunta, propietaria de prazas que rematan por ser xestionadas por empresas privadas, polo que lanzaron unha chuvia de cueiros contra o edificio administrativo no que comezou a marcha.

Tamén cuestionaron os servizos mínimos do 100% impostos pola Xunta, que consideran “abusivos”, Transi Fernández, secretaria nacional de CIG-Servizos, apuntou que “non entendemos como unha administración vulnera o dereito á folga”.

Asemade, critican que o Executivo aínda non se puxera en contacto coas entidades convocantes para resolver a situación.

A Covid baixa nas residencias

No que atinxe á situación das residencias de maiores e de diversidade funcional con respecto á Covid, continúa o descenso de casos activos, con 22 persoas ingresadas menos coa doenza que hai unha semana e 66 menos que hai 15 días, até 328, máis da metade das infeccións están concentradas nas áreas sanitarias de Lugo (86) e Ourense (90).