O persoal da residencia Volta do Castro carece de “información” ante os “posíbeis contaxios”

Acceso ao centro residencial compostelá (Foto: Nós Diario)
A representación das e dos traballadores denuncian que non se lles está a informar da situación malia ter residentes illados e programada a realización de probas PCR esta mesma tarde. Ademais, 13 auxiliares faltaron aos seus postos de traballo estes días.

A representante da CIG no centro residencial Volta do Castro, en Compostela, e traballadora da infraestructura, Mar Peteira, falou esta terza feira por boca de todo cadro de persoal ao denunciar “a falta de información” que está a padecer. Neste caso referiuse á existencia de posíbeis novos contaxios da Covid-19.

Para esta tarde estaban previstas varias probas PCR, debido á existencia de usuarias e usuarios en situación de illamento “por síntomas compatíbeis”.

A sindicalista comentou que o domingo "comezaron a chegar informacións de traballadoras e traballadores nas que amosaban a súa preocupación porque comentábase que unha auxiliar de enfermería dera positivo” por coronavirus.

O sindicato subliñou que estes “rumores” implicaron a falta de 13 auxiliares ao seu posto laboral "porque supostamente están na casa agardando polas probas". Ademais, 130 residentes fican fechados nos seus cuartos.  

Nove casos vinculados ao Multiusos

Por outra parte, a área sanitaria de Santiago rexistrou un novo gromo do que se informou hoxe.

Este afecta, segundo as primeiras noticias, a nove persoas. Os positivos rexistráronse após de detectarse un caso activo nas instalación deportivas do Multiusos Fontes do Sar.