O persoal da DomusVi de Laraxe denuncia que sofre unha "persecución" das responsábeis da residencia

Traballadoras da residencia durante unha protesta. (Foto: Europa Press)
Representantes sindicais e outras operarias que apoiaron a estas forzas ao denunciar publicamente a falta de Equipos de Protección Individual (EPI) axeitados aseguran que están a sufrir as represalias por parte da dirección.

Arredor dunhas trinta persoas -delegados e representantes sindicais e traballadoras- concentráronse esta sexta fera ás portas da residencia de maiores DomusVi Laraxe, no municipio de Cabanas, para denunciar que padecen unha “persecución” por parte de quen dirixe o centro.

As persoas concretaron que a concentración tivo por obxectivo dar a coñecer “a persecución que están a sufrir por parte da dirección as integrantes do comité de empresa”.

Tamén aseguran que as mesmas represalias se están a dar no caso das e dos operarios “que as apoiaron após denunciar a falta de Equipos de Protección Individual (EPI)”.

A representante da CIG Ferrol na área dos centros residenciais privados, Beatriz Fernández González, explicou a situación, pois foi o galego o sindicato que convocou a mobilización.

“A raíz da denuncia, as delegadas do comité e os traballadores están a sufrir un acoso silencioso”, afirmou, para destacar que a dirección está a “ningunealas” e a citalas para reunións “infrutuosas”. Segundo a representante, as compañeiras séntense como si se sentaran “ante unha parede, sen ningún tipo de respostas”.

Debido á denuncia sobre a suposta falta de ferramentas de protección durante o traballo e en plena pandemia, Fernández comentou que se deron dous intentos de reunión para falar da situación na que está a estratexia de prevención de riscos laborais da infraestrutura.

Nunha das citas non se permitiu entrar a asesora da CIG “e a delegada, que chegou recentemente, após constituírse o comité hai un ano, non se atrevía a ir soa”.

Por iso demandan unha solución telemática. “Vemos correcto que non se permita o acceso de ninguén externo ao centro, por motivos de seguridade, pero a resposta da dirección foi que non dispón de plataforma nin sabe crear ningunha e non ten ningún método para poder reunirse”, criticou a voceira sobre a actitude de DomusVi.