Folga no ente público o 19 e o 22 de decembro

O persoal da CRTVG volverá manifestarse en Compostela

Traballadoras da CRTVG protestan esta sexta feira contra a manipulación informativa. Foto: @DefendeAGalega

Traballadoras e traballadores da CRTVG volverán manifestarse polas rúas de Compostela o vindeiro 19 de decembro. A marcha coincidirá coa folga de 24 horas convocada polo comité intercentros para esa xornada, e que se estenderá á quenda de fin de semana o sábado 22.
 

As mobilizacións do cadro de persoal comezarán ás dez da mañá perante o Parlamento de Galiza. Ás 12 horas partirán cara a Praza Roxa, onde lerán un manifesto. O lema que encabezará a protesta é “non ao desmantelamento / non á manipulación / non á represión / en defensa do servizo público”.

 

A greve do 19 e o 22 de decembro será o último episodio do conflito que enfronta a dirección do ente público cos seus empregados. Paros parciais sucedéronse ao longo de novembro e, na orde xornalística, cada sexta feira —este é o 29 consecutivo— convócase un #VenresNegro en protesta contra as inxerencias politicas do PP no labor informativo.

 

Xuntanzas coa dirección


O comité de folga, formado por representantes dos sindicatos do comité intercentros, reuniuse coa dirección da CRTVG en catro ocasións. Só na última, ocorrida a pasada cuarta feira, a empresa achegou algunha oferta apreciábel, sinalan fontes sindicais. O que máis valoran estas fontes é o referido ao aumento da programación de produción propia.

 

A compañía presentou algúns avances ao respecto, indican desde o comité, que, con todo, consideran “insuficientes”. Consistirían na ampliación da duración de dous espazos xa en antena e na creación de dous novos, un late night e outro infantil. “Entendemos que é un avance pero reiteramos a necesidade dun maior esforzo”, din.

 

As xuntanzas continurán a segunda feira.