Crise dos pellets

O persoal da CRTVG chama a secundar a manifestación do domingo 21 de protesta pola xestión da crise dos pellets

Protesta do persoal da CRTVG o pasado día 11 contra a "manipulación" da cobrtura da xestión dos pellets.(Foto: Breixo Parcero).
O comité intercentros denuncia a "manipulación informativa" que os medios públicos fan da marea plástica.

O comité intercentros da CRTVG chama a secundar a manifestación que este domingo 21 trá lugar en Compostela, conocada por sector pesqueiro e ecoloxismo, contra a "tardanza e desleixo" da Xunta da Galiza na crise dos pellets.

O órgano de representación do persoal dos medios públicos galegos di que a súa presenza nesta mobilización parte da necesidade de denunciar "a manipulación informativa da cobertura que se está a facer da vertedura dos granulados" por parte da CRTVG.

O comité informa que participará na manifestación do domingo cunha faixa propia, co lema Queremos informar, non manipular!, e fai un chamamento a traballadoras e traballadores dos medios públicos a secundar esta protesta, que partirá ás 12 horas da Alameda compostelá.

"Basta manipulación"

O pasado día 11 os centros de traballo da CRTVG acolleron concentracións de protesta convocadas polo comité intercentros contra a “manipulación informativa” na cobertura da crise dos pellets. “Chamamos a non quedar caladas ante este novo uso basto e partidista dos medios públicos de todas as galegas para silenciar a catástrofe”, dicía o comunicado.

Co chamamento de onte, o comité da CRTVG súmase á longa lista de entidades, organizacións e colectivos que ao longo destes días expresan o seu apoio á mobilización convocada baixo o lema En defensa do noso mar.

A marcha está convocada por perto de 50 colectivos. Entre eles, as plataformas en defensa da ría de Arousa e de Muros-Noia, as principais organizacións de bateeiros, diversas agrupacións de mariscadores e mariscadoras, confrarías e distintos colectivos ecoloxistas.