Faltan profesionais

A Cirurxía Pediátrica do CHUS, baixo mínimos, con profesionais que asumen xornadas sen descanso

Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS)

A CIG-Saúde informou na sexta feira de que a Cirurxía Pediátrica do CHUS, que atende as áreas sanitarias de Santiago-Barbanza e Pontevedra, vese obrigada a realizar xornadas de atención continuada sen descanso, "poñendo en perigo a seguridade na atención ás nenas e nenos". Débese, segundo o sindicato, á falta de persoal suficiente.

A CIG-Saúde instou na mañá da sexta feira a Xerencia da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza a dotar a unidade de Cirurxía Pediátrica de máis especialistas para garantir a atención á poboación infantil.

"Neste momento, a unidade conta con tres cirurxiáns pediátricos que se fan cargo da atención continuada, ante a marcha de dúas especialistas por traslado e por contratos eventuais precarios de acúmulos de tarefas ou de gardas", informa o sindicato.

Estes tres cirurxiáns pediátricos que quedan no Servizo "vense na obriga de asumir xornadas laborais excesivas tanto para atender operacións programadas como as intervencións urxentes, que se agravan coas intervencións de alto grao de complexidade".

O problema, advirte a CIG, radica no "insuficiente cadro de persoal de cirurxiáns pediátricos que fai que teñan que realizar xornadas inhumanas agravadas nos periodos vacacionais ou goce de días ao non contar con coberturas, situación que pode complicarse aínda máis por algunha baixa por enfermidade".

Escaseza de profesionais

"Somos concientes de que existe escaseza de profesionais e que é un problema enquistado e que se remonta a máis dunha década, e que non é fácil atopar cirurxiáns pediátricos cualificados e dispoñíbeis para contratalos, mais non entendemos nin podemos permitir que se deixen marchar profesionais que se formaron na área sanitaria polas condicións precarias nas que se contrataron ou que se explote laboralmente, impedindo o descanso compensatorio do personal que realiza a atención continuada", sinala a CIG a través dunha nota de prensa.

O sindicato denuncia que solicitou á Xerencia unha xuntanza o 23 de xuño de 2021 cos cirurxiáns pediátricos para buscar unha solución, "e a día de hoxe seguimos a espera de resposta".

"Agora mesmo, temos unha unidade de cirurxía pediátrica baixo mínimos, e aínda que conta con bos profesionais, están esgotados ante unha situación que os conduce a unha insatisfacción profesional e a unha situación de risco de burnout ao non poder conciliar a vida laboral coa familiar", salienta a CIG.