O persoal de Cirurxía do Cunqueiro plántalle cara á Consellaría, que paga 50 euros por operación menor

Feixoo, á esquerda, e García Comesaña -cando aínda non era conselleiro de Sanidade-, á dereita, nun quirófano do Cunqueiro (Imaxe: Xunta da Galiza)

Persoal que realiza actividade cirúrxica voluntaria, nas quendas de tarde, do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo rebélase contra os recortes da Consellaría de Sanidade e non programa operacións para as próximas semanas. É así como protestan contra as condicións económicas das cirurxías, polas que se chega a pagar 50 euros.

O malestar entre traballadoras e traballadores da sanidade pública non só afecta á Atención Primaria. Agora esténdese entre o persoal sanitario que habitualmente realiza intervencións cirúrxicas de maneira voluntaria, na quenda de tarde, do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Despois de solicitar, sen éxito, recuperar as condicións económicas fixadas para a coñecida como autoconcertada -termo empregado no sector para denominar a realización de actividade clínica fóra da xornada diaria ordinaria-, en 2009, e recortadas en 2010, na primeira etapa de Goberno de Alberto Núñez Feixoo, a maioría do persoal decidiu deixar de participar en operacións de maneira voluntaria.

De atender 100 pacientes á semana a ter programadas só dez operacións

Segundo puido coñecer Nós Diario, no citado hospital prográmase actividade cirúrxica polas tardes que chega a beneficiar ao redor de 100 pacientes. Para a próxima semana, hai menos de 10 operacións previstas.

A Xerencia da área sanitaria pediulle por escrito ao persoal que habitualmente realiza cirurxías de maneira voluntaria, fóra da xornada ordinaria, un escrito conforme non van realizar actividade cirúrxica. “Non imos entregarlle escrito ningún, porque estas operacións son totalmente voluntarias”, explica unha traballadora en conversa con este medio.

“Levamos perdendo poder adquisitivo anos, e non estamos reclamando nada que non tiveramos en 2009. Pedimos voltar ás tarifas dese ano, cando se produciron importantes recortes por mor da crise”, informa outro traballador.

Son 50 euros brutos a cantidade que cobra un cirurxián, fóra da súa xornada ordinaria, por unha operación menor

Son 50 euros brutos a cantidade que cobra un cirurxián, fóra da súa xornada ordinaria, por unha operación menor. Se esa actividade a realizase un médico dun hospital privado con concerto co Sergas para alixeirar as listaxes de agarda, a tarifa triplicaríase.

Con esta medida, o persoal trata de que a Consellaría de Sanidade "recapacite" e recupere as condicións económicas de 2009.