O concurso proposto polo concello non convence o comité de empresa

Persoal dos centros socioculturais de Santiago reclama a municipalización do servizo

Un aspecto da biblioteca do CSC de Santa Marta

O goberno de Santiago de Compostela presentou o concurso dos centros socioculturais, que levan desde marzo de 2016 sen contrato, cuns pregos que non convencen o comité de empresa, que insta a estudar a municipalización do servizo e xa anuncia mobilizacións para setembro ao non estar prevista a subrogación de todo o persoal.

A rede de 44 centros socioculturais e locais sociais foi punteira para complementar a oferta de actividades de dinamización nos barrios composteláns. Máis de 180.000 persoas participan cada ano nas exposicións, conferencias, teatro, danza e obradoiros de tempo libre que se organizan. Ademais, estes espazos dispoñen dunha rede de bibliotecas municipais que dan un bo servizo ao rural.

 

Por mor da demora en abrir o proceso de licitación do concurso, o Concello paga a Arasti Barca -a empresa que neste momento presta o servizo- 79.812 euros todos os meses mediante un recoñecemento extraxudicial de crédito, polo que o alcalde ten que levantar o reparo expresado por Intervención en cadanseu destes pagos.

 

Ao facer un ano de estaren nesta “situación irregular” os centros socioculturais, Agustín Hernández (PP) acusou o alcalde de pagar durante todo ese tempo 1.035.000 euros á empresa Arasti Barca “sen ningún tipo de contrato”. Para Francisco Reyes (PSOE), isto xerou unha inseguridade xurídica para o Concello, a empresa e os propios traballadores, mentres que Rubén Cela (BNG) cuestionou o proceder do goberno municipal e cualificou de “ilegal” o abono a unha empresa sen contrato “e a dedo” desa cantidade con reparos mensuais de Intervención.

 

O novo prego mantén contratos precarios, di o comité

 

A respecto do novo prego de contratación, Martiño Noriega destacou que especifica as funcións reservadas a empregados públicos na rede de centros cívicos do Concello e as do persoal da empresa adxudicataria do servizo, ademais de subrogar 51 persoas empregadas. O obxectivo do procedemento é "comezar a ordenar a rede de centros socioculturais e marcar as diferenzas entre os traballadores do Concello e os empregados da empresa concesionaria, para evitar novas sentenzas por cesión ilegal de traballadores", afirmou.

 

Pola súa parte, o presidente do comité de empresa, Xaime Bello, advertiu de que o prego non corrixe a situación de precariedade que padece o persoal con contratos a tempo parcial, ademais de excluír o dereito á promoción interna e a subrogación para 18 persoas que traballan baixo contratos temporais. Bello puxo como exemplo os informáticos que, de acordo á redacción do prego, deben ser subcontratados por outra empresa. Canto aos monitores, acóutanse as horas semanais dos contratos, que oscilan entre 1,5, 3, 4, 6, 10, 16 e 20, segundo a persoa. A nova concesión tampouco vai arranxar “as grandes diferenzas salariais que existen entre o persoal”, sinala. Ademais, engade que o tempo de servizo que recolle o concurso é insuficiente, polo que se farán "máis subcontratas para completar as horas que faltan".

 

Porta aberta á municipalización de servizos

 

“Na actual situación confúndese totalmente o servizo e o persoal da empresa”, afirmou o representante da CIG-Servizos, Aitor Sebio. Asegurou que “para isto non se necesita esta empresa nin ningunha outra” e instou o goberno municipal “a estudar a municipalización do servizo, como está a facer con outros”, porque neste caso os xulgados están dando a razón as traballadoras e os traballadores que reclaman e conseguen a praza porque “a confusión é total”.

 

Coa eliminación da disposición adicional 27 dos Orzamentos Xerais do Estado, que supuña “un ataque aos procesos de remunicipalización de servizos dos concellos e aos procedementos de subrogación de persoal”, Compostela Aberta ten máis doado cumprir o seu programa electoral no relativo á recuperación da xestión dos servizos públicos externalizados.

 

 

Así, elimináronse as "limitacións á incorporación de persoal laboral ao sector público”, que incluían que as administracións non poderían considerar como empregados públicos nin incorporar a esta condición traballadores de contratistas de concesións de obras ou servizos públicos cando finalizasen os contratos ou se producise un rescate da concesión.

 

No programa de Compostela Aberta defendíase “recuperar a xestión pública do persoal de servizos, onde sexa posíbel, daqueles centros onde estea externalizada a unha contrata privada”. O documento incluía tamén “a recuperación de servizos públicos non só para o ben dos cidadáns, senón tamén para instaurar unha nova forma de xestionar o público a través da cidadanía e confrontar así un modelo privatizado, especulativo que sitúa orzamentos e xestión baixo a pouta de empresas privadas”.