Persoal dos centros de día denuncia que tivo que mercar material para abrir

A conselleira de Política Social, Fabiola García, durante unha comparecencia (Europa Press)
O cadro de persoal dos centros de día que dependen do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar tamén acusa a Xunta de aprobar os plans de actuación o día antes de reabrir e non formar ás substitutas e substitutos

O cadro de persoal dos centros de día pertencentes ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar denunciara hai unhas semanas que a Xunta obrigaba a abrir estas instalacións con falta de medios de protección e limpeza e traballadoras e traballadores substitutos.

Nestes últimos días foron recuperando o funcionamento case todos os centros e as operarias lamentan que pasase o que previran. Algúns plans de acción aprobáronse un día antes da reapertura e tiveron que comprar elas o material. 

Din que non hai voces diverxentes e que todas operarias e operarios dos centros de día públicos da Galiza coinciden en criticar a actuación da Xunta e, concretamente, da Consellería de Política Social da que dependen. Amósanse cansas e enfadadas porque "moitos dos plans de acción" específicos pola Covid-19 se aprobaron polas áreas sanitarias "o día anterior a abrir".

Maioría de substitucións
"Tampouco atopamos material de hixiene e protección na maioría dos centros e tivemos que conseguilo polos nosos medios", critica o cadro de persoal, que nega a imaxe de normalidade que quixo dar o Goberno de Feixoo.  

Contan que nos lugares que recibiron envíos da Xunta, estes foron moi "insuficientes e ridículos". Abriuse con gran parte do persoal substituto que non tivo marxe de "coñecer o centro nin os usuarios, nin o plan de acción e prevención da Covid-19". 

Sempre segundo a súa versión, tampouco se adiantaron as tarefas de mantemento nas instalacións mentres estiveron fechadas ao público. 

Por iso non poden máis que destacar o labor e a "implicación humana" que tiveron elas nos días previos ás aperturas (que foron algo graduadas) poñendo plans de acción "polos propios medios" ante a tardanza da Consellaría de Política Social.