I+B

Centos de funcionari@s de Benestar peregrinan a San Caetano por un servizo de calidade e contra a destrución de emprego

Máis de 800 funcionari@s de Benestar camiñaron desde o Gaiás até os edificios administrativos da Xunta de Galiza para repudiar os recortes en dereitos laborais e a destrución de 266 postos de traballo

Centos de traballadoras e traballadores dos centros de Benestar camiñaron esta sexta desde a Cidade da Cultura --"símbolo do despilfarro máximo do diñeiro público galego"-- até os edificios administrativos da Xunta de Galiza en San Caetano --"símbolo máximo dun Goberno galego incompetente e destrutor-- para manifestar máis unha vez a súa repulsa á lei de medidas que modificou o articulado do Convenio polo que se rexía este cadro de persoal funcionario "roubándonos os días por descanso compensatorio por traballar en domingos e festivos".

En palabras do delegado do Comité de Empresa de Traballo e Benestar da Coruña, Héctor Sánchez, a marcha --convocada polo Comité Intercentros e os Catro Comités provinciais, e apoiada por todos os sindicatos con representación (CIG, CC.OO, UGT e CSI-CSIC) "foi un éxito rotundo". Segundo explicou, é en horario de mañá cando hai máis profesionais de Traballo e Benestar en horario laboral, "e eramos a maioría aquí". 

Con berros de A Xunta de Galiza recurta e privatiza, Sánchez fixo tamén a peregrinaxe desde o Gaiás até San Caetano. Criticou as políticas da Xunta contidas nesa norma "que nós chamamos Lei contra @s empregad@s públic@s" coa que se persegue "o desmantelamento dos servizos esenciais". Cabe sinalar que os recortes en persoal afectan a funcionarias e funcionarios dos centros de maiores, de atención á diversidade funcional e de menores.

Quéixanse da eliminación de artigos no Convenio polos que se recortan os tempos do descanso, penalízase economicamente a enfermidade, desapareceron as compensacións por domingos e feriados e obrígase ás persoas empregadas a se substituíren unhas ás outras durante as vacacións. Alertan, así mesmo, da privatización dalgúns servizos e da eliminación doutros, como fisioterapeutas ou a atención psicolóxica. Unhas medidas que afectan, segundo alertan, á calidade do servizo prestado e da vida das e dos residentes.

Ollando os documentos dos que dispón o Comité Intercentros, hai 266 postos de traballo na corda frouxa e deles 200 pertencen a Traballo e Benestar. "Paradóxicamente a consellería de Traballo é a que máis traballo destrúe", queixouse Sánchez, quen adiantou que "mentres non queiran negociar e sigan impoñendo, nós seguiremos loitando". Tras os feches nos centros da provincia da Coruña e logo da andaina desta sexta, hai xa máis accións previstas no plan de reivindicacións que manexan os catro Comités. A seguinte será unha caravana "que manteremos até as vindeiras autonómicas de maneira rotatoria" entre o Monte Gaiás, Monte Pío e San Caetano.