Caderno de Verán

Peregrinar a contagotas

Un grupo de peregrinos na etapa entre Redondela e Pontevedra (Foto: Rebeca Conde)
Apenas quedan catro meses para que comece o Ano Xacobeo 2021, o primeiro após 11 anos de agarda, e o sector turístico vinculado ao Camiño non ten claro que vai suceder. O coronavirus mantén a tensión nos negocios.

A  pouco máis de catro meses para que chegue un Xacobeo polo que se leva agardando 11 anos, o Camiño de Santiago (ou os múltiples camiños) xa non son o que viñan sendo. Aínda que facer unha ruta que cruza, en gran parte, por paraxes desertos parece seguro, o certo é que o volume de peregrinos baixou bastante. Recoñéceno nalgúns albergues. Dá igual a dirección que se elixa, a preocupación destes negocios está aí. 

Segundo camiñantes consultadas, a elección está agora nos estabelecementos privados –moita xente evita as hospedaxes públicas dependentes da Administración por se hai masificacións–, mais hai unha certa intranquilidade que non anima a todo o mundo que tiña pensado a botarse á terra e ao asfalto para escoitar aquilo de "Bo Camiño" ao seu paso.

No Francés, por exemplo, hai albergues que revelan que non hai demasiado movemento. A responsábel dun deles subliña, ademais, que xa non acepta tanta xente no aloxamento como antes porque tamén ten medo. Mesmo se queixa de ter que avisar a algunhas e algúns camiñantes de que non beban cos beizos pegados ao cano da súa fonte. Hai ganas de traballar pola comarca, é preciso aproveitar para unha certa recuperación económica, pero tamén hai temor aos gromos.

Noutro aloxamento cara a Compostela, no municipio de Nigrán, amosan máis preocupación porque as contas non saen. Mentres que na capital galega se nota unha afluencia de xente cargada cos macutos, a sensación non é a mesma cara a Portugal. Arredor do Obradoiro danse cita as e os usuarios de todos os camiños pero dentro deses itinerarios a afluencia é pequena e esparexida. Ademais, hai moitos albergues a repartir un pastel que quedou reducido.

"Eu abrín en 2018 e estaría contento cun ano normal como 2019 pero neste non hai movemento", di o dono do negocio de Nigrán. Os resultados tamén veñen dados polo tipo de cuartos que se ofrecen.

Neste caso só se fan reservas a grupos grandes porque hai unha soa estancia con "11 camas". Peregrinos que veñen desde Tui  recoñecen que buscaron con antelación e que elixiron lugares que estaban practicamente baleiros.