Helena Noriega, voluntaria de Mámoa: "Perdemos ese espazo comunitario que apoiaba e transmitía saberes como a lactancia"

Helena Noriega, da asociación pro-lactancia materna Mámoa.

A asociación galega pro-lactancia materna Mámoa leva 20 anos tecendo comunidade. Situadas en Compostela, comezaron no Centro de Saúde de Fontiñas para logo pasar ao do barrio de Vite e rematar no seu local actual, o centro sociocultural A Trisca. A súa mensaxe callou naquelas nais que querían o mellor para as súas crianzas e hoxe ven recompensado o seu esforzo. Funcionan a través de voluntariado e en reunións periódicas xestionan as demandas das usuarias que se achegan pola entidade. 

Como nace a Asociación pro-lactancia materna Mámoa?

Mámoa xurdiu hai 20 anos. Dos inicios xa non queda ninguén e agora estamos dúas voluntarias, Concha López mais eu. 

É un proxecto comunitario de voluntariado dedicado ao que sería o coidado físico e emocional das nais, das crianzas e en máis dunha ocasión mesmo doutros membros da familia e do que sería a lactancia materna. Nós, como voluntarias, dedicámonos a asesorar sobre eses ámbitos dos que hai moito descoñecemento, medo e, nalgunhas ocasións, angustia.

Perdemos ese espazo comunitario que apoiaba e transmitía saberes como a lactancia. Hoxe temos un déficit enorme de comunidade e nós tentamos paliar isto.

Evolucionou cos anos a maneira de entender a lactancia materna?

Vaise perdendo esa idea, hai déficit xeracional mesmo. Antes a familia transmitía parte deses saberes que hoxe en día temos que transmitir nós. O mundo é cada vez máis urbano e as mulleres que veñen son dese ámbito e buscan un pouco de arroupamento cara a esa falta de comunidade.

Que é o que máis precisan as mulleres que acceden a Mámoa?

Veñen con problemas de posición, dores, insatisfacción á lactancia ou coa relación co bebé, para orientarse cara á crianza con apego, mais coido que o que máis buscan é simplemente un espazo onde poder compartir, é o que máis vemos. Nós asesoramos, guiamos, mais o que máis facemos é acompañar. Do que máis aprendín é da miña propia experiencia. Para min era descoñecemento total, desde o tema do voluntariado até a propia lactancia. Após meterme neste mundo decateime de que tiven a sorte de coñecer unha gran comunidade. 

Cre que hai presión na sociedade actual de cara á lactancia materna?

Presión sempre hai polo descoñecemento. Existen grandes carencias dentro da lactancia materna. Agora comezan a mudar moito as cousas. No Hospital Clínico Universitario de Santiago comezan a darse pasos moi prometedores nesta dirección. Nós, por exemplo, contamos con profesionais da saúde, de pediatras que comezaron vindo a Mámoa para resolver un problema e buscar un espazo de convivio. Agora participan no proxecto. As institucións mudaron moito. Mesmo estamos nunha comisión no Clínico. Había unha gran lagoa no tema da lactancia que estamos comezando a superar. 

Moitas veces as nais non se ven arroupadas pola familia, xa que as súas nais ou avoas xa non deron peito e teñen medo

Moitas veces as nais non se ven arroupadas pola familia, xa que as súas nais ou avoas xa non deron peito e teñen medo. Por este motivo moitas veces asesoramos os propios familiares que veñen con dúbidas. A presión é por medo a pensar que o leite materno non alimenta. 

E hai presión desde o feminismo en relación á lactancia materna?  

O problema é a sociedade que non nos deixa ter esa liberdade. A lactancia é escravitude por todo o que nos arrodea. Antes á nai facíanlle todo, mesmo tiña liberdade para non ir á igrexa por ter que aleitar á crianza. Hoxe en día tes que dedicarte a todo. Tes que cumprir co tema laboral, coa familia,... e queda a impresión que quen che quita tempo é a crianza.

É certo que hai unha parte do feminismo que opina así e din que non dan o peito para ver que se comparta ese momento co home. A min paréceme absurdo. É un problema noso e non da lactancia materna, que sempre é moito máis beneficiosa para a nosa crianza.