O percorrido máis iluminado do litoral galego que non podes perder

Vista do faro de punta Nariga. (Fotos: Camiño dos Faros)
Unha das propostas de lecer que resulta máis atractiva quer para turistas, quer para galegas e galegos na actualidade é unha ruta alternativa por algúns dos faros da Costa da Morte. É unha boa proposta sempre e cando se dispoña dunha semana para camiñar ou se organice o paseo en varias fins de semana.

Galiza sempre fornece propostas interesantes de lecer pero hai que adaptar o espazo na axenda ao lugar que se quere coñecer. Unha das propostas para gozar do país que máis atractivo gaña co paso do tempo é o Camiño dos Faros.

Este percorrido polo litoral da Costa da Morte cada vez chama a atención de máis persoas, quer galegas ou chegadas de fóra.

Iso si, para facer esta ruta hai que dispor de suficiente tempo. Componse de oito etapas de camiñada natural e deportiva, coa súa dureza, polo que é necesario reservar polo menos unha semana das vacacións para completala. Outra opción é ir completando as distintas fases do itinerario en varias fins de semana ou días libres.

E cales son os faros que poderás descubrir ou ver desde outra perspectiva que até agora descoñecías?

1. Faros das Illas Sisargas e Punta Nariga

É o primeiro do que se poderá gozar na etapa que conecta as localidades de Malpica e Ninóns. Pasando perto de até seis praias, tamén destaca a iluminación de Punta Nariga. Velos no seu esplendor implica un paseo de 21,3 quilómetros con diversas subidas e baixadas.

2. Faro do Roncudo

Na segunda etapa máis longa (Niñóns-Ponteceso), os acantilados do Roncudo dan paso a esta sinal marítima. As paisaxes polas que se pasa tamén pagan a pena, pois hai visións da ría de Corme e Laxe, da desembocadura do Anllóns, das dunas da Barra...

3. Co faro de Laxe no horizonte

Non é até a cuarta etapa cando se pode gozar do faro de Laxe en todo o seu esplendor, pero ao facer os máis de 25 quilómetros que separan Ponteceso e Laxe xa se adiviña esa meta.

4. Faro de Laxe

Agora si. Despois de percorrer o Monte da Insua a ou o camiñante atopará o faro de Laxe perto de si. Aliás, na etapa de Laxe a Arou (18 km) pódese descubrir Soesto ou a Lagoa da Traba, que podería verse afectada polos proxectos eólicos en tramitación.

5. Faro de Cabo Vilán

A propia xestión desta iniciativa turística e deportiva destaca o paso entre Arou e Camariñas como o “corazón do Camiño dos Faros e da Costa da Morte”. Haberá que camiñar por unha costa abrupta pero na meta estará o Faro Vilán, “punto chave deste camiño”.

6. Faro de Muxía

Malia que a súa sona non o precede pola proxección doutros elementos patrimoniais da vila, o certo é que ao longo dos 32,6 quilómetros de percorrido (o máis longo deste proxecto persoal que podes emprender) estará a citada sinal marítima. Antes de rematar as perto de dez horas de ruta tamén se poderá gozar das paisaxes e da praia do Coido.

7. Faro Touriñán

Malia a dificultade que tiña construír esta etapa logrouse e os 25,3 quilómetros até Nemiña fanse coa mirada posta nunha paisaxe “espectacular”. Advírtese de que é o tramo máis complexo desta ruta pero gozar do faro Touriñán é o premio.

8. Faro Fisterra

A última fase do camiño achegarache a un faro que de seguro coñeces pero dunha forma diferente: o de Fisterra. Se te animas a realizar este itinerario que propoñemos, quer todo xunto, quer pouco a pouco cando teñas libre, finalizarás con case 27 quilómetros máis nas pernas para rematar a aventura.