Un percorrido histórico pola banda deseñada galega da man de Xulio Carballo

Xulio Carballo

O autor da primeira tese de doutoramento sobre a banda deseñada galega asina agora a obra Os pioneiros da banda deseñada galega. 1971-1979, da editorial Xerais.

 

“O que realmente observei”, destaca Xulio Carballo, “era que non existía ningún traballo de investigación extenso sobre a banda deseñada galega, entón era necesario comezar a darlle unha visibilización para que se puidese dotar á BDG da altura cultural que se merece”. Así explica o autor de Os pioneiros da banda deseñada galega. 1971-1979 por que decidiu escribir este libro, que vén de publicar Xerais.

 

Na súa investigación, Carballo confirma que a aparición deste tipo de narración na Galiza non é fortuíta, senón que ten unha intencionalidade clara por parte de Reimundo Patiño e Xaquín Marín. “Cando comecei cos 70 dinme de conta de toda a potencialidade que había e de que realmente había unha consciencia de querer crear BDG cun obxectivo moi claro, que era ser partícipes do pobo galego a través desa nova cultura que xurdía: o cómic na Galiza”, narra o autor.

 

Así, na súa obra, estúdase a diferenza obvia entre o desenvolvemento dos cómics nos países europeos, cunha forte influencia norteamericana, e o caso galego, posto que eran tiras nunha lingua radicalmente excluída da prensa. Por isto, a obra tamén estuda a paulatina incorporación da BDG en medios como Teima, Axóuxere ou Vagalume.

 

“Eu escollín estudar desde o 71, que é cando Xaquín Marín publica O emigrante, onde conscientemente se considera creador da BDG, até o 79, cando sae o fanzine Xofre, que xa marca un cambio de tendencia”, explica Carballo.

 

Este libro, ademais de comezar a abordar en profundidade esta área cultural, pretende servir para abrir camiño. Por isto, o autor afirma que “hai intentar avanzar nese aspecto, sexa eu quen o faga ou intentando crear espazos para que outras persoas sigan afondando niso”.