Pequena tregua no prezo da luz: baixa por quinto día consecutivo

As familias galegas, que xa fan cálculos coas novas facturas da luz, están chamadas a mobilizarse este domingo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press) #electricidade #factura #protesta #cig #convocatoria
Cae 27,62% con respecto á xornada de onte.

O prezo medio da electricidade no mercado cae hoxe domingo en 27,62% con respecto ao sábado, en concreto, até os 111,35 euros megawatt hora (MWh), co que acumula a súa quinta xornada consecutiva de descensos.

Así, o prezo medio do 'pool' para este domingo será 42,50 euros máis barato que os 153,45 euros/ MWh do sábado, segundo datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

O prezo máximo da luz para hoxe darase entre as 20 horas e as 21 horas, con 191,54 euros/ MWh, e o mínimo, de 3,70 euros/ MWh, rexistrarase entre as 15 e as 16 horas.

En comparación con hai xusto un ano, o prezo do 'pool' para este domingo será 73,47% superior aos 64,19 euros/ MWh do 17 de abril de 2021.

Os prezos do 'pool' repercuten directamente na tarifa regulada -o denominado  PVPC-, á que están acollidos case 11 millóns de fogares no conxunto do Estado, e serven de referencia para os outros 17 millóns que teñen contratado a súa subministración no mercado libre.

De feito, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia ( CNMC) constatou que en 2021, no marco da espiral alcista da enerxía, arredor de 1,25 millóns de persoas pasaron do  PVPC a unha tarifa no mercado libre a prezo fixo.