Pepita Seoane, premio Mártires da Liberdade 2022

É unha das fundadoras da ACEPG (Asociación para Ceivar Presos Galegos) da Coruña.

Xosefa Seoane Vaz, Pepita, é a premio Mártires da Liberdade 2022 que concede a Asociación Cultural e Teatral “Abril de Lume e Ferro”.  

Nada na Xironda, na raia de Portugal máis afincada na Coruña desde hai anos, é unha das fundadoras da Acepg (Asociación para Ceivar Presos Galegos) da Coruña. Moi implicada socialmente, organizou mobilizacións e manifestacións para reclamar "a posta en liberdade de presos políticos", e para o seu achegamento a cárceres galegas. Pepita Seoane é a nai de Paco, Carlos e Suso, os tres pasaron polo cárcere acusados de pertenza ou colaboracións cos Grapo. Carlos faleceu en 2019.

“Foi loitadora na primeira liña, na defensa do dereito á vivenda, tentando evitar desafiuzamentos. Pepita é dignidade, conciencia, compromiso, solidariedade, carraxe e lealdade inquebrantábel á clase obreira e ao pobo”, indica a asociación nun comunicado.

.A Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro de Carral ten previsto celebrar o acto de entrega, o vindeiro día 28 de xaneiro de 2023 na Casa da Cultura de Carral.

No ano 2013, a Asociación Cultural e Teatral “Abril de Lume e Ferro”, crea o premio Mártires da Liberdade, que se entrega no que se premia cada ano unha persoa, grupo de persoas, entidades ou organismos, “que destaquen, e fagan ou fixeran agromar sentimentos, accións, ou tarefas de liberdade, xustiza e compromiso pola nosa terra”.

Premiados co Premio Mártires da Liberdade: Manuel María (2013), Mario Gallego (2014), Mini e Mero (2015), Fundación Manuel María e Irmandade Manuel María (2016), Aurora Marco (2017), Xabier Ponte Docampo (2018), Camilo de Dios e Consuelo Rodriguez (Chelo) (2019) e Carlos Babío Urquídi (2021)