Pepe do Caurelciño e a memoria do batuxo

Pepe do Caurelciño cun batuxo [Imaxe Casa das Ínsuas]

A Casa das Ínsuas e o guía de Espazos Protexidos, Fernán López, recuperan estas embarcacións fluviais cun obradoiro o 30 de xaneiro en Rábade. 

 

Pepe do Caurelciño é hoxe a única persoa que fica viva e que foi batuxeiro. Unha forma de vida vencellada ao aproveitamento dos ríos como recurso do que extraer peixes, algas e area. 

Pepe, aos seus 90 anos, non só navegou polas Ínsuas no batuxo senón que os construíu. Na súa memoria garda un saber-facer tradicional que a piques está de perderse. Para recuperalo e difundilo, o colectivo A Casa das Ínsuas e o guía de Espazos Protexidos, Fernán López, organizan un obradoiro o 30 de xaneiro en Rábade. 

"É o último batuxeiro", di Fernán López en conversa con Sermos Galiza. "Construíunos e viviu do río. Foi pescador e dacía as redes", acrecenta. Neste senso, a xornada está plantexada como "unha homenaxe" a Pepe do Caurelciño "como barqueiro". Mais tamén como unha oportunidade para "recoller a súa sabedoría" e aprender a "construír un batuxo" das Ínsuas respectando "as tradicións da zona", di López. 

Así pois, a xornada comezará cunha sesión de mañá na que presentarán as distintas embarcacións tradicionais que existen na Galiza, non só fluviais. Xa pola tarde, darase a coñecer polo miúdo o batuxo, a nomenclatura das pezas que o compoñen, as distintas madeiras empregadas para a súa construción (castiñeiro, ameneiro e biduaria) ou a colocación das táboas en función do uso que tivese. 

Aliás, un obradoiro guiado por Pepe do Caurelciño e o carpinteiro/naturalista Carlos González darán a coñecer a construción do batuxo.