Miguel Martínez

“A peor experiencia da miña vida”

Imaxe: Radio Cerna

Vén de saír de prisión após 5 semanas en en prisión por unha neglixencia que calcinou unha hectárea nunha finca familia nos Blancos. "Sentes rabia. Sei os meus dereitos e pisáronmos”, confesa nunha entrevista en Radio Cerna.

 

A Audiencia Provincial de Ourense decretou o pasado 28 de novembro a posta en liberdade baixo fianza de Miguel Martínez, que levaba 5 semanas no cárcere  en prisión provisional por un lume forestal provocado por unha imprudencia e que queimou apenas 1 hectárea na súa finca familiar nos Blancos (Ourense). O encarceramento de Miguel xerou os protestos de diferentes colectivos sociais e ambientais. Sociedade Galega de Historia Natural, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e a Federación Ecoloxista Galega (FEG), emitiron naquela altura un comunicado no que destacaban a traxectoria comprometida de Miguel e expresaban a súa "preocupación" polas "circunstancias" nas que se produciu o seu arresto.

 

Miguel vén de conceder unha entrevista en Radio Cerna, de Adega. Unha conversa marcada pola recomendación do avogado de non entrar en detalles concretos en torno ao caso polo que está acusado e que lle `poden supoñer até 5 anos de prisión.

 

“Estou bastante indignado”, afirma Miguel, facendo recordo destas semanas, da súa detención, das acusacións que penden sobre el. Recoñece que lle encheu de “orgullo” enteirarse desde prisión que compañeiros do movemento ecoloxista estaban a dar a cara por el. “Levo no MEL (Movemento ecoloxista da Limia) desde os 18 anos e teño agora 58”, aponta.

 

Afirma que nunca imaxinou que o pequeno fogo que fixo para quentar un chourizo acabase derivando en todo isto. Un lume dunha hectárea nunha finca familiar, unha detención, 5 semanas no cárcere... “A peor experiencia da miña vida”, recoñece. Lembra que foi detido por varios axentes na rúa cando paseaba o seu can e que sufriu dous infartos, polo que tivo que recibir atención hospitalaria.. “Sintes rabia. Sei os meus dereitos e pisáronos”, indica.

 

Preguntado sobre as declaracións de Feijóo (que insinuaba que estaba detido por “algo máis”), Miguel afirma descoñecer a que se pode referir o presidente da Xunta. Anoxado, convídao a que Feijóo concrete a que se refire. “Que o diga”.