Os problemas dun proceso non feito de golpe

Cara á peonalización do centro histórico de Ferrol

Unha peonalización do centro histórico da cidade podería sería un factor moi positivo para Ferrol, como o foi para as cidades que xa a teñen. Mais unha peonalización a parches, sen ser de golpe, pode levar consigo máis problemas que beneficios no tempo que dure todo o proceso.

O tema da ORE (Ordenanza de Regulación de Estacionamento) do concello de Ferrol para o seu casco histórico cría controversia e debate. Mais non hai que esquecer que estes procesos de peonalización, quer a nível urbanístico quer a nível técnico, son positivos. Son moitos os exemplos de cidades onde a peonalización resultou na mellora da calidade de vida das veciñas e dos veciños: Pontevedra Compostela, Lugo, Ourense, Allariz...

 

Son procesos que moitas veces tampouco estiveron exentas de polémica, como en Pontevedra, cidade na que en orixe moitos comerciantes estaban en contra da peonalización, xa que pensaban que, ao se suprimiren prazas de aparcadoiro, a xente non ía ir mercar ao centro. Iso foi no pasado. Agora mesmo son os propios comerciantes os que piden máis zonas peonís, porque son moito máis seguras e porque a peonalización do centro da cidade é un gran centro comercial. Os cidadáns dispoñen de un "metro-minuto" onde pon os minutos que se tarda dun lado a outro da cidade andando, que tamén hai na cidade departamental.

 

No 2014 do grupo das sete cidades galegas a que menos espazo dispoñía para os viandantes era Ferrol e continúa a ser así desde aquela.

 

Pero a grande cuestión é como facer e desenvolver esa peonalización, onde hai que marcar tres cuestións importantes para que sexa todo un suceso:

 

  • Transporte público: hai que dotar a cidade dun transporte público que resolva as restricións do tráfico rodado. Un transporte que ten de estar deseñado acorde a realidade física do ámbito a peonalizar.

 

  • Aparcadoiros: a cidade precisa tamén duns aparcadoiros perimetrais ao ámbito de peonalización, que estean en contacto coa rede pública de transporte. Pensar en poñer un aparcadoiro no centro dese perímetro para os viandantes é contraditorio, xa que se para chegar a el temos de atravesar a zona libre de carros, a realidade desa rúa(s) non é peoníl.

 

  • Proceso de golpe: os procesos de peonalización dunha cidade deben ser feitos de golpe. Todo a un mesmo tempo. Se se pensa en facer proxectos que supriman o tránsito rodado de xeito parcial, o que suporá é que haxa máis problemas de conxestión do tráfico.

 

Neste proxecto de cambios na organización do casco histórico, emprázase moi ben o proxecto da nova Praza de Armas. Un proxecto que tamén escolleu a cidadanía nunha votación, e que contempla a supresión do aparcadoiro actual; que ten unha zona verde importante para o centro do casco histórico; e cuxa formalización é económica e construtivamente viábel.

 

Con esta escena, o goberno actual presenta unha ORE contraditoria. Nesta ordenanza existen certas rúas peonís que non serán de aplicación cando se aprobe dita ordenanza. Polo tanto, xorde a cuestión de que vai pasar con esas rúas? Son ou non son peonís? Non poder ser peonís e manter o tráfico rodado por elas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O proceso incorpora tamén o "multamóvil", implantado na ORE do anterior goberno e que Ferrol en Común criticou no seu momento polo seu afán recadotorio. Críticas que, porén, non impiden o seu mantimento polo actual executivo local.

 

E nesta incerteza de cales serán as actuacións a levar a cabo aparecen unhas rúas, como a Pardo Baixo, que fechan o tráfico dependendo dos intereses do goberno de quenda. Algo que podería quedar definido nesta ORE para a fechar definitivamente ao tráfico rodado.

 

Outra que si aparece na ORE, pero esta como non peonil, é a rúa Arce. Unha rúa pegada á praza de Amboaxe, onde xogan cativos e reúnese xente maior nos bancos, e que tería que estar dentro do perímetro a peonalizar, xa que pertence á chamada "tableta" do barrio da Madalena, debería ser peonil e deixar para o tráfico rodado a San Diego. Como ocorre na marxe esquerda da Praza de Armas, a rúa Rubalcaba, que si que vai ser peonalizábel e se deixa para o trafico rodado a súa paralela, que é a rúa Lugo.