MAPA

As pensións xa son a principal fonte de renda en 93 concellos

A fonte de renda maioritaria en cada un dos concellos galegos. (Mapa: Nós Diario / Fonte: IGE)
Case un de cada tres concellos galegos ten nas prestacións sociais, nomeadamente as pensións por xubilación, a principal fonte de renda da súa veciñanza. Son 93, un 8% máis que hai unha década. E de forma paralela, con base nos datos achegados polo IGE, descenden os municipios onde son os salarios a fonte primordial de ingresos nos fogares.

Cada vez en máis concellos galegos a principal fonte de renda dos seus veciños e veciñas son as prestacións sociais, nomeadamente as pensións por xubilación. E esta situación non fixo máis que agudizarse nos últimos anos: se en 2010 os municipios dentro desa categoría eran 86, con base nos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2021 —último ano contabilizado— eran xa 93. Nove máis, un incremento ao longo dunha década de 8%.

Ao tempo, descenden os municipios onde remuneración de persoas asalariadas é a principal fonte de renda. Eran 226 en 2010 e agora pasan a ser 220, seis menos. Hai dous concellos nos que nese período, 2010-2021, a súa principal fonte de renda son as mixtas, é dicir, a remuneración do traballo non asalariado. Son Portomarín (comarca de Lugo) e A Illa de Arousa (comarca do Salnés).

Así pois, a remuneración de persoas asalariadas é a principal fonte de renda no 70% dos concellos, mentres que no 30% restante son as prestacións sociais, principalmente no interior da Galiza, aspecto moi vencellado ao envellecemento da poboación neste territorio.

As prestacións sociais supoñen o 35% da renda dispoñíbel bruta total da Galiza. Por concellos, este peso é desigual, pois observamos cos datos do IGE que nos máis envellecidos (principalmente do interior do país) as prestacións sociais chegan a supor máis da metade da renda.

A fonte de renda maioritaria en cada un dos concellos galegos.

Fogares

O IGE, e xa con datos de 2022, tamén permite coñecer cal é a realidade dos fogares galegos segundo as tipoloxías por ingresos. E hai 333.000 familias onde son as prestacións sociais (xubilacións, desemprego e outras modalidades de subsidios) as que as sosteñen fronte a 422.000 onde son os salarios o alicerce dos ingresos 
no fogar. Son agora 40.000 máis que no ano 2007 os fogares onde a principal fonte de renda son as prestacións.

Datos comarcais

En seis comarcas galegas a principal fonte de renda son as prestacións sociais, e máis concretamente, as pensións. Trátase dos Ancares, A Fonsagrada, Quiroga, Baixa Limia, Terra de Caldelas e Terra de Celanova, onde máis dun terzo da poboación supera os 65 anos, segundo os Indicadores demográficos do Instituto Galego 
de Estatística.

A renda per cápita nas comarcas máis ricas da Galiza duplica a das máis pobres. Entre a comarca que rexistra mellores cifras na renda por habitante (A Coruña, 18.319 euros) e a que ten peores números (A Paradanta, 9.046 euros) hai unha fenda que non deixa de alargarse co paso dos anos. Desta maneira, unha persoa da primeira ten uns ingresos de media que duplican os da segunda.

Ademais, os datos achegados polo IGE sinalan que os ingresos de até 43.353 familias galegas están por baixo dos 600 euros ao mes. Nesta liña, precisan que as rendas dun total de 13.531 familias galegas son inferiores a 400 euros mensuais, mentres os ingresos doutras 29.880 familias fican entre os 400 e os 600 euros mensuais.

A este respecto, os peores rexistros preséntanse naqueles segmentos de poboación de idades máis avanzadas, como resultado do baixo nivel retributivo das pensións que perciben as galegas e galegos en comparanza coas e cos residentes noutros territorios do Estado.