As pensións non abondan para vivir dignamente

Das 2,7 millóns de persoas que viven na Galiza, 25% son beneficiarias dalgún tipo de pensión (Imaxe: Arxina).
Representantes de tres colectivos de pensionistas da Galiza valoran a suba de 0,9% anunciada polo Goberno estatal. Porén, destacan a necesidade de aumentar esa porcentaxe nas pensións mínimas, dunha lei pública de pensións ou de rematar coa fenda de xénero. 

Un avance nun camiño do que queda moito por andar. As tres mulleres consultadas por Nós Diario coinciden na súa análise da subida de 0.9% das pensións, anunciada pola coalición PSOE-Podemos. Manuela Fraguela, do colectivo de pensionistas de Compostela, Susana Méndez, do colectivo de traballadoras xubiladas da Conferencia Intersindical Galega e Olga Otero, pensionista e integrante do Sindicato Labrego Galego (SLG) reclaman ligar por lei as pensións ao Índice de Prezos de Consumo (IPC), subir as mínimas para equiparalas, cando menos, ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) ou combater a fenda de xénero.

Manuela Fraguela atende a este medio por teléfono desde o salón de peiteado onde cortan o pelo a seu neto. "É o traballo que nos toca ás persoas da miña xeración", afirma. Acolle con satisfacción a medida anunciada polo Goberno estatal, mais recalca que para as pensións mínimas e medias ten moi pouco ou pouco impacto. "E esas supoñen 80% das pensións do país", di. Susana Méndez cualifica o anuncio de "pequena pincelada" para "contentar". "O urxente é derrogar as dúas reformas das pensións do Goberno de Mariano Rajoy en 2011 e 2013, que a día de hoxe seguen afectando negativamente ás pensións", afirma.

Aquelas reformas, lembra Méndez, dificultaron o acceso ás prestacións e introduciron o "factor de sustentabilidade", ligándoas á esperanza de vida. "Estamos aburridas e aburridos de escoitar declaracións de que as pensións non son viábeis", denuncia a sindicalista, "non é  máis que volver facer pagar á clase traballadora, nun sistema capitalista, polos beneficios dunha minoría". Para ela o problema non reside "no gasto", senón "nos ingresos". "Cómpre  derrogar tamén as reformas laborais, pular para acadar un mercado laboral máis estábel", reclama. 

Á cola do Estado

Na Galiza viven 350.412 mulleres e 339.164 homes que perciben algún tipo de pensión. É o segundo territorio do Estado coa media de pensións máis baixas, despois de Estremadura. En decembro, a pensión media situábase nos 845,9 euros e a media de xubilacións en 961,04 euros. Cifras baixas, pero non tanto como as pensións de viuvez, de 601 euros mensuais ou a do réxime de autónomas, de 597 euros. 

Unha vez aplicada a medida do Goberno estatal as pensións mínimas, que recibe 30% da poboación galega, fican en 648,7 euros as das persoas xubiladas con cónxuxe; en 683,5 euros as das xubiladas en vivendas unipersoais, e en 639,5 euros as de viuvez en ou en 790,7 euros en caso de que a pensionista conte con familiares ao seu cargo. Todas as modalidades das pensións mínimas continúan afastadas do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), fixado en 900 euros mensuais, e das recomendacións recollidas na Carta Social Europea, que fixa as pensións mínimas en 1080 euros mensuais. 

Fenda de xénero

Ao desagregar os datos das pensións medias na Galiza debúllase a fenda de xénero entre mulleres e homes. En decembro de 2019, as mulleres recibían de media unha pensión de 671,86 euros fronte os 1.041, 63 euros dos homes. Tan só en oito municipios dos 314 do país as mulleres cobran unha pensión superior ao SMI actual. Estes son Abegondo, A Coruña, Oleiros, As Pontes, Ferrol, Compostela, Pontevedra e Vigo.  

Esta fenda agrávase no caso das mulleres pensionistas de áreas rurais. Olga Otero, veciña dunha parroquia de Chantada e voceira da semente da secretaría de persoas xubiladas do SLG, expón a difícil situación dela e das súas compañeiras. Ela traballou durante boa parte da súa vida nunha explotación láctea familiar, atendendo tamén aos porcos, á horta e outras tarefas do fogar. Seu home, a maiores dos labores na granxa, traballaba como albanel. 
 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.