Pensionistas e xubiladas volven á rúa por unhas pensións públicas dignas

(Foto: CIG)

Convocados pola CIG, demandan tamén un sistema público de atención ás persoas para unha vellez digna

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse esta quinta feira en todas as cidades galegas e vilas como Cangas, en demanda dun servizo público galego de atención ás persoas; o incremento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e un aumento de prazas públicas de Centros de Día e Residencias.

O colectivo está pendente dos contidos da anunciada reforma das pensións, logo de se aprobar no Congreso as recomendacións do Pacto Toledo, que veñen consolidar os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013.

As pensións galegas seguen sendo as segundas máis baixas do Estado. Máis da metade das persoas pensionistas na Galiza cobran menos de 706 euros. Unha situación que empeora no caso das mulleres porque a pensión media dun galego é case 300 euros maior que a dunha galega. Das persoas que teñen as pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.