Pensionistas da CIG alertan das dificultades que padecen as persoas maiores no acceso á Sanidade

Hospital Clínico de Santiago (Foto: Nós Diario).
Pacientes de cancro do CHUS critican as listas de agarda que teñen que soportar.

O colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG vén de lanzar unha campaña en defensa da sanidade pública e para denunciar "o dificultoso camiño das persoas maiores para seren atendidas" que implicará mobilizacións durante varias semanas a nivel comarcal e nacional.

Durante os meses de abril e maio levarán a cabo reparticións informativas para rematar con mobilizacións, o 29 de maio, nun centro de saúde de cada comarca; o 12 de xuño, con concentracións no hospital principal de cada comarca, así como o 20 de xuño, cunha concentración nacional ante o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

O colectivo denuncia "a situación de desmantelamento e privatización" na que a Xunta da Galiza ten a sanidade pública galega, que "fai que para unha persoa maior sexa cada vez máis difícil ter unha atención digna e áxil dos seus problemas de saúde".

"Cando unha persoa ten un problema de saúde está nunha situación de vulnerabilidade que, cando se trata dunha maior, se multiplica e supón un enorme trastorno", afirman as pensionistas e xubiladas da CIG.

"Se isto non supuxera xa dificultade abondo, polo camiño atopan diferentes obstáculos como o propio acceso ao sistema de saúde", engade o colectivo. "Para moitas maiores obter unha cita mediante unha chamada que é atendida por recoñecemento de voz, xa non digamos a través da aplicación ou da páxina web do Sergas, supón unha dificultade engadida", denuncian a este respecto.

A isto suman a situación "terríbel" da Atención Primaria. Lembran que se están dando casos de listas de agarda para primeira consulta de até 15 días e subliñan que nunha situación de perda de saúde, ter que agardar todo ese tempo "pode supor importantes cambios ou agravamentos, máis cando falamos de persoas de certa idade ou con pluripatoloxía", salientan.

Ademais, o colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG afirma que "as listas de agarda para atención especializada, probas diagnósticas como radioloxía ou colonoscopias, ou as intervencións cirúrxicas, son moito máis altas que as que publica o Sergas".

Pacientes de cancro do CHUS

Neste sentido, usuarias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denunciaron que "os pacientes de cancro seguen soportando demoras de até oito meses na fixación das citas de control e avaliación". "Os pacientes que están sendo citados nestes días, correspondentes aos que tiñan que ter a cita en outubro e novembro do 2023, saen da consulta sen nova cita", concluíron.