Gonzalo Fernández, decano de Veterinaria (USC): "A resposta ante a Covid-19 está sendo moi decepcionante"

Gonzalo Fernández Rodríguez, decano da Facultade de Veterinaria da USC.
A comunidade veterinaria reclama un papel activo no mantemento da saúde pública mundial baixo o paraugas do enfoque One Health, que defende unha única saúde humana, animal e mediambiental.

"A resposta ante a Covid-19 está sendo moi decepcionante", afirma Gonzalo Fernández Rodríguez, decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no campus de Lugo, e profesor da área de Sanidade Animal.

O seu desencanto está en sintonía co malestar expresado pola comunidade veterinaria practicamente desde o inicio da crise provocada polo novo coronavirus. "Desde o punto de vista do enfoque One Health -unha única saúde- non se está facendo as cousas ben. Este concepto considera a saúde das persoas e dos animais en relación co medio ambiente", explica, unha perspectiva que avoga por un tratamento multisectorial e interdisciplinar da saúde pública que "aquí non se está a ter en conta" advirte.

A resposta ante a Covid-19 está sendo moi decepcionante.

Os veterinarios defenden a súa contribución ao mantemento da saúde pública mundial e pon como exemplo outros países onde fan valer a súa experiencia. "O Fernando Simón alemán é veterinario, pero o importante é que alí integraron este colectivo nos equipos de traballo a canda farmacéuticos e biólogos, entre outros perfís. Estamos ante un problema complexo que non ten unha solución simple". A resposta, di, vai ser complicada e precisa unha visión multidisciplinar.

Experiencia previa

"En veterinaria estamos afeitos a traballar con enfermidades de colectivos, sobre todo en animais de produción. Doenzas que se transmiten entre os propios animais, entre granxas, e que se poden mover dunha zona a outra, polo traslado de vacas ou porcos". Neste sentido, sinala o decano, a comunidade veterinaria acumula unha grande experiencia. Coñece ben os sistemas de control para movementos nacionais e internacionais, como definir un confinamento ou como se debe facer unha vixilancia activa. "En veterinaria temos moito traballo feito neste sentido", organizado e regulado en boa medida a nivel europeo. "En cambio, nesta pandemia as medidas de control, clasificación e mobilidade varían en cada país", salienta.

A única forma de loitar contra este tipo de doenzas é pensar no risco de infección, non tanto en casos enfermos.

Con todo, Gonzalo Fernández pon o acento no risco de contaxio. "Máis que con enfermidades, estamos acostumados a traballar co risco". Así, a única forma de loitar contra este tipo de doenzas nas que non só contaxian os individuos que teñen síntomas senón tamén os que non os teñen, asevera, "é pensar no risco de infección, non tanto en casos enfermos". Un enfoque que fortalece a prevención, e que o experto en enfermidades infecciosas sinala como o único válido para "ir por diante do virus".

Análises de risco

E o risco varía en función dos espazos, das persoas, dos movementos e da forma de transmisión. "A chave está na vixilancia activa, na análise dos sitios e dos mecanismos de contaxio para detectar o risco de infección antes de que apareza, sen esperar a que aparezan os síntomas. Só así se poden tomar as medidas adecuadas". 

Cómpre traballar desde a vixilancia activa para detectar o risco de infección antes de apareza.

Nas granxas, asegura Fernández, sobran experiencias. "Traballamos para que o virus non entre, e se entra, para que se disemine. En veterinaria temos verdadeiros especialistas en bioseguridade que poderían ser moi útiles". E apunta outro exemplo, o pasaporte de inmunidade. "Nunca se usou porque non funciona. Non elimina o risco".