Unha penetración "leve ou breve" é unha violación, nova xurisprudencia do Supremo

Imaxe de arquivo do Tribunal Supremo, situado en Madrid. (Foto: albTotxo)
O Tribunal Supremo fixa a xurisprudencia que atinxe ao delito de agresión sexual por violación, corrixindo unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Aragón no que se reducía a pena dun agresor sexual co argumento de que non houbera penetración total.

O Tribunal Supremo fixou nun auto esta cuarta feira que se considera delito de violación "todo o que sexa un exceso de superación da horizontalidade na zona sexual feminina, por leve ou breve que sexa", corrixindo ao Tribunal Superior de Xustiza de Aragón, que rebaixara unha condena da Audiencia Provincial de Zaragoza co argumento de que non houbera penetración total.

Na resolución, o Supremo defende que non é exixíbel que se produza "un acceso total e absoluto" para incorrer no delito de agresión sexual por violación recollido no artigo 179 do Código Penal, que implica unha pena de seis a doce anos de prisión.

Tamén abunda no concepto de horizontalidade, que define como a zona superficial na que se consideraría un tocamento externo.

Unha vez superado este punto, de xeito independente a que sexa leve ou breve, cando haxa contacto de acceso á zona vaxinal interna a efectos legais xa é unha penetración, apunta o tribunal na nova xurisprudencia emanada da sentenza proposta polo maxistrado do Supremo Vicente Magro.

Na sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Aragón, a maxistratura “apreciou de forma irracional a valoración da proba”, indica o Supremo, que obrigou a imporlle a condena orixinal ao agresor, anulando a pena de tres anos de prisión do Tribunal Superior de Xustiza.

O caso de Zaragoza

O Alto Tribunal lembra que o informe pericial concluíu ao respecto da exploración na área xenital da vítima que esta presentaba "laceracións no introvaxinal e na parte interna dos beizos menores", admitindo así que tiña razón ao manifestar que cando o TSXA facía referencia ao introito vulvar, tiña o deber de referirse ao introito vaxinal. Isto produciuse porque "o feito probado reflicte que a vítima presentaba  laceracións no  introvaxinal", o que supón que xa era na parte interna e non na externa, "o que leva a concluír que houbo a penetración determinante da violación do artigo 179 do Código Penal (CP)".

Por todo isto, e como consta a introdución de dedos na vaxina, a pena de tres anos debe ser anulada e substituída por unha de sete, xa que se trata dunha violación, e non dun "delito sexual sen acceso carnal".