Unha escolma do papel

Pegasus: controlando o tráfico desde as alturas

Aspecto da cabina do Pegasus.

Sermos Galiza acompaña durante unha xornada o equipo responsábel do helicóptero da DXT con base en Alvedro para descubrir como funciona a súa dotación tecnolóxica.

Desde hai varios anos as estradas de Galiza están baixo a atenta mirada do Pegasus, o helicóptero da DXT con base no Aeroporto de Alvedro. Este aparello volveu gañar notoriedade nas últimas semanas tras ser dotado de radar para así medir tamén a velocidade dos vehículos, sendo o primeiro do mundo certificado para a vixilancia aérea das estradas. Sermos Galiza acompañou durante unha xornada o equipo responsábel do Pegasus para coñecer de perto como é o seu día a día, ademais de descubrir como funciona todo o equipamento tecnolóxico do que está dotado o helicóptero.

 

As mañás na base do Pegasus comezan cunha reunión na que se decide o plan de voo da xornada. Non hai planificacións a longo prazo, máis aló das quendas laborais, senón que se establecen prioridades atendendo a eventos que poidan derivar nun aumento da circulación ou ás necesidades do tráfico vial que xorden por conxestións, accidentes ou a propia climatoloxía. Tras esta xuntanza é o momento de se achegar ao helicóptero. A simple vista o que diferencia o Pegasus doutros aparellos da mesma serie é a presenza dunha cápsula externa no lateral esquerdo: no seu interior sitúase toda a aparataxe do mesmo, destacando dúas cámaras (unha panorámica para facer seguimento dos vehículos, e outra con obxectivo para ler as matrículas) e o radar láser, estando montados sobre unha plataforma móbil capaz de xirar 360º. Xa no interior do aparello atopamos unha sofisticada mesa de mandos, na que destaca o joystick co que se manexan as cámaras, unha pantalla de visualización e un equipo de gravación de vídeo que rexistra a patrullaxe.

 

Subimos a bordo. Viaxamos cun piloto e un operador de cámara, o equipo humano mínimo para realizar unha patrullaxe no Pegasus, aínda que o habitual é que viaxe tamén algún membro da Garda Civil de Tráfico da demarcación que se sobrevoa. Tras deixar atrás Alvedro poñemos rumbo á AP9, onde se comproba que a posta a punto de cámaras e radar feita en terra é correcta, antes de dirixirnos a diversos puntos das estradas galegas. Os voos realízanse a unha altitude máxima de 1.000 pés (uns 300 metros) debido ás limitacións técnicas da aparataxe e teñen unha duración de arredor de 2 horas.

 

Malia o alto grao de complexidade de todos os sistemas tecnolóxicos que integra o helicóptero, non hai moito lugar para os automatismos. Piloto e operador de cámara viaxan atentos ao que acontece baixo os seus pés e fixan a súa atención en calquera actitude que poida parecer sospeitosa. Identificado o obxectivo, o piloto sitúa o helicóptero nunha posición axeitada ao tempo que o operador dirixe as cámaras cara ao vehículo; unha delas encargarase do seguimento, ao tempo que a outra amosará unha imaxe nítida do interior e da placa de matrícula. O sistema recolle tamén os datos de posición, hora e velocidades, polo que no caso de haber infraccións estas quedarán gravadas en soporte dixital.

 

A operación repítese unha vez tras outra até o fin da patrullaxe, momento no que o helicóptero pon rumbo á súa base. Unha vez aterrado, revísanse as infraccións gravadas, que serán enviadas ao Centro de Tratamento de Denuncias Automatizadas (ESTRADA) cunha proba gráfica que recibirá o condutor denunciado xunto á correspondente sanción económica.

 

AS INFRACCIÓNS MÁIS HABITUAIS

 

As sancións máis habituais tramitadas pola patrulla Pegasus son as que teñen que ver con adiantamentos indebidos, non respectar a sinalización e a distancia de seguridade, ou conducir falando polo móbil ou revisando papeis.

 

Porén, e malia o que poida parecer, o Pegasus non ten tanto afán recaudatorio como se lle atribúe, pois só tramitan unhas 40 denuncias ao mes, senón máis ben un efecto disuasorio, que se une tamén á progresiva concienciación das persoas ao volante, convertendo infraccións outrora habituais, coma conducir sen o cinto de seguridade, en anecdóticas, e conseguindo así mesmo unha menor siniestralidade nas estradas. 

 

Esta reportaxe apareceu no Sermos Galiza nº113, publicado a 11 de setembro de 2014.