Tres voces sobre a realidade de Galiza perante os incendios

Imaxe: Irene Pin

O mellor anti-incendios é un monte ordenado, cunha estrutura forestal diversificada e nun rural vivo. Cuestións das que en boa medida adoecemos na Galiza. Temos un marco legal que favorece camiñar cara a esa situación? Que podemos aprender do que aconteceu en Portugal? Falamos con varias persoas a este respeito.

A traxedia de Pedrógão espiu a realidade forestal de alén Minho e, ao tempo, obriga a se interesar pola de aquén Minho. Hai similitudes entre ambos os dous países: como a crecente eucaliptización e o abandono do rural. Mais tamén hai diferenzas, como as competencias e estruturas nos servizos de extinción. Vai cara a unha semana do incendio mortal forestal de Portugal e unha das cuestións presentes nestes días é se no noso país temos tomado medidas e adoptado plans que permitan un futuro sen a lacra da vaga de incendios forestais que padecemos ano tras ano.

 

“Hai que ir cara a unha reformulación por etapas da nosa estrutura forestal”, aponta Alberte Blanco, ex-director xeral de Montes e coordenador do libro ‘O monte galego: caos ou aproveitamento funcional?’. Advirte que a estrutura actual “baséase no monocultivo de piñeiros e eucalipto, con quilómetros e quilómetros de masas de árbores pirófitas”, co que iso supón nun escenario de cambio climático no que cada vez van ser máis habituais as altas temperaturas.

 

Blanco considera que hai que camiñar cara outro modelo de monte e para iso o goberno ten que “ter plan e dotalo de recursos”. E, o máis importante, “vontade política”. Lembra que na etapa do goberno de coligazón entre nacionalistas e socialistas elaborárase unha lei de montes “consensuada con todos os sectores, sindicatos, propietarios, ecoloxistas...” e que fora aprobada case por unanimidade no Consello Forestal. Unha lei que, sinala, apostaba en combater o abandono e en ordenar o monte. Cuestións que, engade, na nova lei do Monte aprobada en solitario polo PP en 2012 non figuran. “Esa lei é unha copia da española máis que unha lei acorde coa nosa realidade”, lamenta. Indica que mesmo nesa lei pode haber elementos positivos mais non ve “vontade política” no goberno para executalos.

 

Manuel Da Cal, Fruga (Federación Rural Galega) lembra os grandes incendios de 2006 en Galiza e salienta que, a raíz deles, “aprendemos”. Púxose en andamento unha lei de prevención e defensa contra os incendios “que supuxo poñer as bases para facer fronte a un problema tan grave como o dos lumes”: creación das unidades de xestión forestal (uxfor), fixar franxas de protección, prohibir plantacións de cultivos monoespecíficos de máis de 50 hectáreas, implicar a sociedade.... “Eran medidas tendentes a acabar co desorde no monte”, asegura Da Cal, que considera que o que pasou en Portugal vén, en certo xeito, sinalar que aquelas medidas “eran correctas”.

 

Mais boa parte desas actuacións xa non están. “Chegou Feijóo en 2009 e practicamente se cargou todo”, denuncia o coordenador da Fruga, unha das entidades que fan parte da Alianza Rural Galega. “Eliminou os 45 Uxfor,  reduciu as distancias de seguridade en torno a vivendas e infraestruturas...”

 

Fins Eirexas (Adega), lembra outro retroceso que se deu nestes anos, desta volta na lei de montes estatal, onde se levantou a prohibición de recalificación para terreos queimados polos incendios forestais. Eirexas argumenta que dependendo da lei de montes que se elabore, do modelo de rural polo que se aposte, “o resultado final vai ser un ou outro”. E se a aposta é, di, “pola eucaliptización, o abandono do rural...” camiñamos cara a un futuro con cada vez máis incendios forestais e máis devastadores. “En Portugal vírono e xa fixeron algo: establecer unha moratorio sobre o eucalipto”.

 

O Plan Forestal serviu para estender os eucaliptos en Galiza. De feito, lembra, actualmente hai case o duplo dos que a propia Xunta nos 90  prevía que ía haber en 2030. “Un fracaso”, resume. Ao igual que Blanco e Da Cal, Fins Eirexas considera que hai que ir cara a outro modelo de monte e outro modelo forestal. Un camiño que se fai máis difícil cunha Xunta “cuxa lexislación favorece o lume, cun modelo suicida e pirófito”.