Pedro Sánchez avanza novas saídas a partir do 2 de maio: para facer deporte e pasear cos da casa

Deporte ao aire libre e en solitario.
Pide cumprir con firmeza todas as regras de hixiene e seguridade previstas durante o estado de alarma e anuncia que a vindeira semana o Goberno aprobará o plan de desescalada.

A partir do 2 de maio poderase saír para facer deporte de forma individual e para dar paseos coas persoas coas que se convive se "a evolución da epidemia é favorábel". Así o avanzou o Presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nunha comparecencia na que adiantou, ademais que o Consello de Ministros aprobará a vindeira terza feira o plan de desescalada.

Segundo indicou, o desconfinamento será "gradual, coordinado e asimétrico", atendendo ás circunstancias de cada área. Sánchez sinalou que a proposta do Goberno terá en conta as achegas formuladas polos distintos territorios, mais será a Administración central quen estabelece e “pilote” a desescalada.

Actividade paulatina

Neste contexto, o presidente do Goberno recalcou que a apertura cara unha nova de transición dependerá da evolución da pandemia e das cifras que se vaian rexistrando a diario, máis aló do número de novos contaxios diarios.

Así, asegurou, "non imos recuperar de golpe toda a actividade e mobilidade social. Ímolo facer por etapas", de forma coordinada e coas mesmas regras para todo o mundo. "Esta segunda etapa de transición está tan atestada de riscos e perigos como a primeira. E non dispoñemos dun manual infalíbel", resaltou.

Un alivio baixo estritas medidas de seguridade

Sánchez explicou que a posibilidade de saír á rúa para facer deporte ou para dar pequenos paseos coas persoas da casa a partir do 2 de maio supón "un segundo alivio" dentro desta etapa de confinamento, após o primeiro respiro, que entra en vigor este domingo e que permite un paseo diario dunha hora, acompañados dun adulto, das crianzas menores de 14 anos,

Neste sentido, o presidente do Goberno estatal sinalou a necesidade de cumprir con firmeza as regras de hixiene e protección requiridas no transcurso destas saídas, e que exixien respectar unha distancia mínima de dous metros doutras persoas.

Prudencia 

"Non convén subestimar ao inimigo", salientou, xa que conta cunha capacidade de contaxio moi alta. Así, estendeu a advertencia a novos escenarios. Ás sucesivas fases de transición e de desescalada.

Lembrou que a normalidade á que se aspira non será a mesma de antes. Non o será até que dispoñamos dunha vacina e dun tratamento efectivo. Por iso pediu prudencia. "Non se trata dunha carreira, de ver quen é o primeiro en abrir un centro comercial ou un pequeno comercio”.

Reactivación económica

Así, incidiu en que reactivación da economía dependerá non só das cifras de novos contaxios, tamén da fortaleza dos sistemas sanitarios, da capacidade das Unidades de Coidados Intensivos e da Atención Primaria. Serán piares fundamentais durante a etapa de desconfinamento para evitar que un novo brote volva por en risco a saúde das persoas e a sanidade pública.